As vacinas que inmobiliza Feijóo, manobra política ou previsión?

A acumulación de vacinas sen inocular transformou a Galicia na primeira comunidade do Estado en número de doses paralizadas. Segundo fontes da Xunta, é unha práctica xeralizada para manter reservas se se suspende a subministración. A oposición parlamentaria di non ter resposta sobre esta acción do goberno galego e asociacións profesionais non ven fundamentos suficientes para una actuación como esta.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As vacinas subministradas a Galicia a día 3 de abril eran de 622.665 segundo datos do SERGAS. O mesmo día o número total de doses inoculadas foi de 524.134. A diferenza entre unha cifra e outra é de 98.531 doses que non se inxectaron. Polo de agora non hai respostas en firme sobre por que este número de elementos anti-covid non foron aplicados á poboación civil. As posibilidades van desde a prevención ante casos de trombos segundo as marcas comerciais ou crear unha reserva en previsión de posibles fallas na cadea de fornecemento. De momento as respostas son máis exercicios de especulación que de confirmación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do comité clínico xunto cos conselleiros de Sanidade e Política Social, Xullo García Comesaña e Fabiola García.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do comité clínico xunto cos conselleiros de Sanidade e Política Social, Xullo García Comesaña e Fabiola García.. XUNTA

RESERVAS PARA SEGUNDA DOSE?

“Non se pode dicir con firmeza cal é o motivo para a reserva de vacinas” din desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Aínda así non deixan de especular coa posibilidade de ter doses para a segunda vacinación “a de recordo”. “Tampouco tempos evidencias de que parte deses subministros estean en malas condicións” responde AGDSP ante a pregunta dunha hipotética paralización por efectos secundarios como os casos de trombos en sangue atribuídos en principio a algunhas marcas comercializadoras.

“Actualmente, logo das noticias sobre incumprimentos de contranto entre farmacéuticas e a Unión Europea, non se pode garantir ao 100% o fornecemento para o plan de vacinación” sinala Javier González de CC.OO Sanidade. “Sobre este punto non houbo resposta por parte da Xunta” di Julio Torrado parlamentario do PSdeG-PSOE.  “Cando se preguntou sobre por que baixaron os datos de vacinación e pola falta de documentación relacionada con isto, maior foi o número de escusas”.

“O escurantismo e a opacidade da Xunta desde que comezou a pandemia son unha constante” di Montserrat Prado, parlamentaria do BNG. Segundo a parlamentaria nacionalista “en Galicia teriamos a 128.591 doses sen administrar segundo o Ministerio”. O BNG considera que se está aplicando un relato por riba da realidade desde o goberno galego.

Doses subministradas ás CCAA e doses inoculadas
Doses subministradas ás CCAA e doses inoculadas | Fonte: Ministerio de Sanidad

No momento de redactar esta reportaxe os datos do Ministerio de Sanidade do día 15 de abril de 2021. apuntaban a 916.865 doses entregadas a Galicia das que se aplicaron 803.159, o que fai unha diferenza de 113.704 vacinas que en teoría non se inocularon.

A Consellería de Sanidade pola súa parte respondeu que desde o inicio da pandemia “na comunidade galega realízase unha reserva estratéxica de vacinas”. Segundo o departamento de Sanidade a medida foi acordada para “dar resposta ás posibles incidencias que aconteceran no subministro das mesmas, ou ante calquera outra situación non agardada en termos de loxística. Non por falta de garantías na calidade das vacinas”. Por outra parte, sobre a garantía de conservación das doses, Sanidade responde que “a vida útil das vacinas está garantida así como o mantemento de todos os seus compoñentes, conservación e trazabilidade”.

FERRAMENTA POLÍTICA?

A AGDSP lamenta o “uso politizado” dunha situación como esta en que os números non parecen cadrar en canto inmunización das persoas fronte a COVID. “A oposición pode atacar ao goberno e ao revés e tamén inflúe moito as accións que tomen outros países” para comparar o método nacional co foráneo. “Sobre estes temas a información é abundante mais por desgraza tamén é moi contraditoria”.

O “baile” de cifras e datos e o volume de “información” creada arredor del non facilita á maioría das persoas ter unha visión clara da situación pandémica. Julio Torrado considera que a Xunta “non se preocupa de recoller os datos correctamente” e isto tradúcese nun problema de comunicación desde a Consellería de Sanidade.  “A cuarta onda está aí porque estamos vendo aumento de casos e isto pode volver colapsar as UCI, por tanto teremos outra vez unha presión asistencial en aumento” di Montserrat Prado. “Creo que reservar vacinas non ten sentido, descoñezo cal é a estratexia que pode haber detrás”.

Outro problema que engaden voces da política e profesionais da sanidade é que a comunicación entre as autoridades sanitarias e a poboación non deixa de ter as súas dificultades. No caso de persoas maiores, é moi posible que non atendan os SMS coa cita para a vacinación. Tamén se apunta a falta de bases de datos que permitan separar por colectivos de maior a menor risco, como traballadoras do fogar, sanitarios e outros segmentos laborais.

A Consellería de Sanidade responde que a administración de vacinas e a súa aplicación corresponde á Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma Consellería. A aplicación das doses faise “segundo a súa chegada a Galicia”. De cara ao futuro, os obxectivos da inmunización de aquí ao mes de setembro “dependerá do subministro regular de vacinas por parte de Goberno central. A xunta conta con acadar a inmunización de grupo no mes de agosto”.

O número de vacinas sen subministrar supera as cen mil segundo se observa nos datos do día 15 de abril de 2021. Onde están ou por que non se aplicaron, de momento non ten resposta en firme desde as autoridades sanitarias, só que a reserva de doses é algo común dentro das estratexias antiCOVID das CCAA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Son tan aforradores que seguramente rematarán tirando as vacinas CADUCADAS ! Se nin siquera son capaces de poñer unha liña telefónica de atención ao paciente como van administrar as doses que cacarexan pola televisión ? Estafa Multinivel dende o minuto un desta Pandemia !!! Cada día que pasa vólvome máis negacionista !!! Querían aforcados !!!