O PSdeG acusa a Xunta de "mirar cara outro lado" fronte á contaminación por mercurio detectada en Lourizán

O Partido Socialista alerta da "deterioración ambiental" que está "causando" as políticas da Xunta.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia alertou este venres da "deterioración ambiental" que as políticas da Xunta "están a causar no presente e planificando para o futuro". Así o sinalaron o viceportavoz no Parlamemto do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, e a deputada Paloma Castro, quen acusaron o Goberno galego de "mirar cara outro lado" fronte á contaminación por mercurio detectada en Lourizán.

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, e a deputada Paloma Castro
O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, e a deputada Paloma Castro | Fonte: PSdeG.

Os socialistas denuncian a "irresponsabilidade" mostrada polo Goberno galego fronte aos elevados niveis de contaminación por mercurio detectados en Lourizán aparentemente derivados do desmantelamento das antigas instalacións de Elnosa dentro do terreo de Ence.

Castro acusou o Goberno galego de "mirar cara outro lado" e facer caso omiso a un informe da pasteira que tiñan enriba da mesa desde hai dous meses e que alertaba desta situación. Ante iso, esixiu que tome as medidas necesarias para evitar o incremento da toxicidade.

Por outro lado, Arangüena alertou de que o rexistro de entidades de colaboración ambiental, anunciado por Feijóo e previsto na "lei de depredación", "supón de facto abrir a porta a que entidades privadas leven a cabo labores de control que son por definición públicas".

"Iso é privatizar o control ambiental dos proxectos, o que pode eliminar directamente o control cando o pacto verde e a axenda verde son prioritarios nas políticas da Unión Europea e do Goberno de España", indicou.

O socialista lamentou que a xestión do Goberno galego se limite ao "ecopostureo e propaganda verde" mentres anuncian unha moratoria á plantación de eucalipto que, na súa opinión, supón "un engano para encubrir a total eucaliptización de Galicia".

"Neste momento están a tallarse os últimos bosques autóctonos do norte de Galicia e non é casualidade que o exconselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, sexa hoxe alto cargo de Ence", manifestou.

Ademais, criticou que a Xunta renuncie a aproveitar as vantaxes evidentes de Galicia para o proceso de transformación ecolóxica, con boas condicións para as renovables e a maior superficie costeira de España. "Isto permitiría desenvolver aínda máis unha economía azul que xa ten unha forte base, un sector bioalimentario asociado á calidade, así como un sector forestal importante pero pouco ordenado", apuntou.

Arangüena asegurou que "o que falla é a vontade política" por canto o orzamento ambiental é para este ano de 199 millóns de euros, lonxe dos 295 millóns que orzou para 2009 o bipartito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta