O CESUGA inicia os trámites para converterse en universidade privada en Galicia

Os promotores do centro subliñan que o proxecto nace "adaptado ás esixencias da próxima normativa universitaria nacional para o recoñecemento dunha nova universidade privada".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2021 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

O centro académico galego Cesuga informou este venres de que deu "o primeiro paso formal" para que o centro sexa recoñecido como Cesuga Internacional University, é dicir, como universidade propia e independente cuxos títulos deixarían de estar adscritos a outra universidade española, como ocorre ata agora.

Para iso, trasladouse ao rexistro da Xunta o expediente de cinco tomos polo que se presenta o novo proxecto de universidade. Tras o paso dado por Abanca, trátase do segundo centro académico que se embarca nun proxecto deste tipo.

Segundo os seus promotores, Cesuga International University, a Universidade Dual, "nace con grandes ambicións xa que pretende impulsar dous campus en Galicia, así como en varias capitais de América Latina e África".

"Será ademais unha universidade Next Generation, a primeira de Galicia, porque cumpriría cos requisitos marcados desde Europa no seu instrumento de recuperación xa que buscará a empregabilidade do alumno, a implantación das máis modernas tecnoloxías dixitais ao servizo da educación e a investigación e a posta en servizo de modernos laboratorios de última xeración", remarcan.

TÍTULOS DUAIS

Segundo traslada Cesuga, que dirixe o economista e empresario Venancio Salcines, a futura universidade basearase en títulos duais, "a día de hoxe aínda son moi residuais en Galicia", tamén se presentará "unha oferta de títulos completamente actualizados e adaptados á situación actual, e mesmo futura, do mercado". Incluirá tamén, garanten os seus promotores, "unha importante aposta pola formación práctica en empresas, así como pola investigación, incorporando doutoramentos industriais, novos en Galicia".

Os promotores do centro subliñan que o proxecto nace "adaptado ás esixencias da próxima normativa universitaria nacional para o recoñecemento dunha nova universidade privada". A partir do rexistro deste expediente ábrese un proceso administrativo no que será avaliado tanto polo Ministerio de Universidades como pola Administración autonómica. Durante ese tempo Cesuga explica que "aproveitará para avanzar e adaptar as súas instalacións para acoller todos os graos que ofrecerá a súa nova universidade".

CRÍTICAS DA CIG

Pola súa banda, a CIG trasladou as súas críticas tamén a través dunha nota na que incide en que a universidade pública galega, "desatendida e abandonada" pola Xunta, "volve recibir un novo golpe" tras a noticia de que "Cesuga, unha empresa na que ten un papel determinante certo empresariado coruñés, non quere renunciar a un anaco da torta que a Xunta quere entregar no sector dos estudos universitarios".

"O exemplo de Cesuga, xa experimentado ao levar anos operando baixo o paraugas de universidades de fóra de Galicia, lembra perfectamente ao que pretende Abanca: entrar a competir directamente coa oferta pública, con titulacións concordantes e mesmo duplicadas, e loitar directamente pola captación de recursos privados aos que accede a universidade pública galega", resolveu.

Promotores pousan cos tomos do expediente co que aspiran a que Cesuga se convierna en universidade privada.. CESUGA
Promotores pousan cos tomos do expediente co que aspiran a que Cesuga se convierna en universidade privada.. CESUGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta