Deputación e Concello da Coruña cargan contra o "capitalismo salvaxe" de Naturgy en Galicia

A eléctrica impide a visita do presidente da deputación e a alcaldesa da Coruña ás súas instalacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa herculina, Inés Rey, expresaron o seu rexeitamento ao traslado do centro de operación de rede (COR) da Coruña a Madrid e mostrado o seu respaldo ás demandas dos traballadores.

Fixérono tras desprazarse ata este centro que, segundo explicou Formoso, pretendían visitar, pero que non puideron facer ao non permitirllo a empresa "coa escusa do cumprimento da normativa Covid".

En declaracións aos medios, o presidente da Deputación da Coruña trasladou o rexeitamento "a unha forma de actuar dalgunhas empresas enerxéticas que ven Galicia como un territorio onde explotar os recursos naturais sen ningún tipo de implicación social".

En concreto, reprochou a Naturgy, cuxa actuación cualificou de "capitalismo salvaxe", falta de "compromiso con Galicia", á vez que expuxo que o traslado deste centro a Madrid afectará á "calidade no servizo", ademais de incidir na situación dos traballadores.

Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, coincidiu en denunciar "a falta de compromiso de Naturgy con Galicia, insistindo en que se trata dunha empresa "que recibe diñeiro público". Á Xunta, esixiulle ademais que "non renuncie a exercer as súas competencias".

SITUACIÓN DOS TRABALLADORES

Mentres, Luciano Vallín, presidente do comité de empresa de UFD Grupo Naturgy, agradeceu o apoio recibido e reivindicou como "fundamental" este centro.

En declaracións a Europa Press, argumentou tamén que nestes momentos non saben "que vai pasar" despois de que se estea pendente da situación de 23 traballadores ao situar a outros tres en Ourense e outro chegar a un acordo para desvincularse da empresa.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa herculina, Inés Rei, reúnense con traballadores do centro de operación de rede de Naturgy. TORRECILLA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa herculina, Inés Rei, reúnense con traballadores do centro de operación de rede de Naturgy. TORRECILLA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta