Investigados dous homes por acoso a unha muller que coñeceron nun xogo en liña

Trátase dun veciño de Santiago e outro de Vila de Cruces, que ameazaban a vítima trala negativa desta a manter unha relación sentimental cun deles.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

O Equipo Roca da Garda Civil da Compañía de Carballo, en colaboración co Posto da Garda Civil de Muxía, investigou dúas persoas, un veciño de Santiago e outro de Vila de Cruces, como presuntos autores dun delito de acoso e outro de ameazas a unha muller que coñeceron nun xogo en liña. Segundo relatou o Instituto Armado, os feitos ocorreron tras ter coñecemento a través de publicacións de prensa dun posible intento de secuestro na localidade coruñesa de Muxía, "o cal xerara unha gran alarma social na zona", engade.

A Garda Civil investigou os feitos co fin de constatar a súa veracidade e identificase plenamente o autor ou autores no seu caso. No transcurso da investigación os gardas civís actuantes, tras a análise da información solicitada, descubriron que os agora investigados e a vítima se coñeceron a través dun xogo en liña dunha coñecida rede social de Internet. Transcorrido certo tempo un dos investigados tentou iniciar unha relación sentimental con esta muller, ao que ela se negou "taxantemente", destacou a Benemérita, tras o que foi "sometida a partir dese momento a un acoso constante por parte do interesado".

CHAMADAS E MENSAXES

A vítima tentou cortar toda relación con esta persoa para evitar a situación, momento no que o suposto acosador incrementou as chamadas e mensaxes e se personou nalgunha ocasión nas proximidades da vivenda da vítima "para amedrentala", sosteñen as mesmas fontes. Ante as reiteradas negativas para o inicio de ningún tipo de relación, entrou en escena o segundo dos investigados, que chegou a ameazar a vítima con danos á integridade dos seus fillos no caso de que se fixese público o acoso ao que era sometida.

A Garda Civil, tras solicitar as evidencias dos ilícitos, procedeu á investigación destes dous homes como presuntos autores dun delito acoso e outro delito de ameazas. A investigación segue activa para o esclarecemento total dos feitos.

Un axente realiza investigacións. GARDA CIVIL
Un axente realiza investigacións. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta