Piden a destitución da Dirección de Enfermaría da Coruña por "abusos" nas contratacións

A Xunta de Persoal advirte dun "claro retroceso da profesión que compromete o seu presente e o seu futuro" na área sanitaria da Coruña e Cee.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña - Cee vén de trasladar á xerencia do Sergas a súa petición de destitución da Dirección de Enfermaría polo que, entenden, a "inacción" e "persistencia" dos feitos que motivaron esta petición xa a comezos do 2020, cando as profesionais da enfermaría comezaron a protestar pola "mala xestión" da Dirección, principalmente na área de Recursos Humanos.

Imaxe de arquivo dunhas enfermeiras traballando con máscaras.. SATSE - Arquivo
Imaxe de arquivo dunhas enfermeiras traballando con máscaras.. SATSE - Arquivo

En concreto, a Xunta de Persoal indica que a traxectoria desta Dirección se caracteriza pola "mingua continua da presenza da disciplina enfermeira na toma de decisións", pola "recuperación de formas arcaicas de supeditación dentro da organización sanitaria" e polo "descoñecemento das necesidades e dificultades asistenciais das distintas unidades".

Tal e como apuntan no comunicado, esta situación conduce, ao ser ver, a un "claro retroceso da profesión que compromete o seu presente e o seu futuro". A xestión de Recursos Humanos destaca -sinalan- pola súa "desorganización, improvisación e incapacidade de adiantarse ás demandas", ao mesmo tempo que fan un "uso abusivo das máis precarias formas de contratación", un cúmulo de problemáticas que no ano da pandemia non fixeron máis ca empeorar. 

A Xunta de Persoal lembra que a Comisión de Centro do CHUAC xa tivera que solicitar a intervención da Xerencia da área a comezos do ano 2020 ante a "vulneración sistemática dos dereitos laborais e sindicais" por parte da propia Dirección de Enfermaría. A iso engade a "incapacidade para solucionar conflitos" e a "manifestación de condutas coercitivas e desconsideradas". 

Por todo isto, a Xunta de Persoal dá traslado da situación á Xerencia do Sergas co obxectivo de que a Dirección sexa destituída do seu cargo. "O persoal de Enfermaría merece unha Dirección se non á altura da valía e esforzo das súas profesionais, cando menos que non agrave aínda máis a súa situación de cansazo", sentenzan no propio documento remitido ao Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 T89M

Precisamente iso é o que busca a Xerencia do Sergas.. serán propostas para algun ascenso