Feijóo sitúa as crises sanitaria e industrial como principais problemas de Galicia na súa primeira reunión con Miñones

O delegado do Executivo estatal chama á "colaboración" mentres o presidente galego pide "compromiso" económico co Xacobeo

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/04/2021 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantivo este martes a súa primeira reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen se ofreceu como "nexo de unión" entre as dúas administracións para conseguir "acordos continuados" para Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones | Fonte: Xunta.

Pola súa banda, o mandatario autonómico cualificou de "moi útil" este encontro durante o cal non só abordou a situación de Galicia con respecto á pandemia, senón que tamén lle trasladou a súa preocupación pola "crise industrial" que vive Galicia e urxiulle concrecións en materia de infraestruturas.

Trátase do primeiro encontro de Miñones co presidente galego desde que a principios de mes deixou a Alcaldía de Ames para tomar posesión, o día 8, como representante do Executivo central en Galicia.

"É moito máis útil construír que criticar. Son moito mais útiles os acordos que os desacordos". Neste sentido, Miñones resumiu a actitude do Goberno con tres palabras: "Colaboración, colaboración e colaboración".

Así, nesta mesma liña, Feijóo recalcou a súa vontade de que Galicia sexa "unha excepción do ruído político ensordecedor" do resto de España, porque "é moito máis intelixente acordar que confrontar".

A PANDEMIA, "PRINCIPAL PREOCUPACIÓN"

Un dos puntos abordados foi a pandemia, a "principal preocupación" para o Goberno, en palabras do seu delegado en Galicia. Neste contexto, lembrou que o luns o Ministerio de Sanidade entregou "máis de 100.000 doses de vacinas" para sumar "máis dun millón" desde que comezou a campaña de vacinación.

Non en balde, Feijóo reclamou "certezas" sobre a chegada de máis doses "para poder avanzar coa maior celeridade posible", á vez que trasladou a súa vontade de impulsar a proposta do pasaporte de vacinación covid que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa emite desde a semana pasada.

Iso si, o presidente da Xunta aproveitou a súa comparecencia posterior á reunión para insistir na necesidade de convocar unha Conferencia de Presidentes para abordar o fin do estado de alarma e non escatimou en reproches cara ao Goberno para afearlle a "deslealdade" e o "erro" no que incorreu ao presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a polémica reforma da Lei de Saúde de Galicia.

Tamén en materia sanitaria, Feijóo trasladou á Delegación do Goberno, como administración responsable de coordinar ás forzas e corpos de seguridade no control das medidas contra a covid, a súa preocupación por "algunhas aglomeracións" producidas por todo o territorio galego.

"Hai barrios de cidades onde podía haber máis vixilancia", suxeriu.

"CRISE INDUSTRIAL" DE GALICIA

Así mesmo, Feijóo trasladoulle a súa preocupación pola "crise industrial" de Galicia. "Estamos a falar de 16.000 postos de traballo no seu conxunto, na súa maioría postos en cuestión por decisións do Goberno central", aseverou, referíndose a a Lei de Cambio Climático e ás propostas en materia de transición enerxética.

Nesta conxuntura, tamén lle solicitou "compromisos" coa carga de traballo para os estaleiros de Navantia, que incide no "grave problema" económico e social da comarca de Ferrolterra.

OUTRAS DEMANDAS

Con respecto ás infraestruturas, ambos coincidiron en sinalar a boa sintonía entre o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e o presidente da Xunta no encontro do pasado 9 de abril.

Feijóo expuxo a importancia de que activar as bonificacións da AP-9 acordadas e de que se "cumpran os prazos" para a chegada da Alta Velocidade. Iso si, apuntou que "hai autovías que están atrasadas", como a de Lugo-Santiago; e outras "paralizadas", como a de Lugo-Ourense ou a da Mariña.

O mandatario galego tamén reclamou a eliminación da taxa de reposición en materia de contratación, que permitiría --asegurou-- á Administración ofertar 3.000 postos de traballo "estables tanto en educación como en sanidade.

Á súa vez, puxo o foco en que "o 30 por cento" dos postos da Policía Autonómica "están sen cubrir". "Iso, de cara ao Xacobeo, é un problema evidente", engadiu.

Precisamente, no tocante á celebración do Ano Santo 2021-2022, reclamou ao Estado "compromiso explícito e concreto" en materia económica.

"Estamos a finalizar o primeiro semestre do ano 21 e non temos ningunha confirmación, nin ningunha contía por parte do Goberno de España", lamentou finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta