ANPA e responsables do Conservatorio de Santiago acoden ao Parlamento para pedir a ampliación do centro

A proposta do BNG, busca atender a demanda actual de estudos musicais na cidade e comarca ante unha carencia de espazo que ten como consecuencia que "tampouco se garanta a matrícula ao alumnado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego presentará na Cámara galega unha proposición non de lei para reclamar a ampliación do conservatorio profesional de música de Santiago, "unha vella e moi sentida demanda" dos veciños da capital galega.

Así o avanzou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras manter unha reunión coa representación da ANPA e dos responsables do centro, na que tamén participou a portavoz municipal da formación, Goretti Sanmartín, e a deputada Mercedes Queixas.

Na súa intervención, as nacionalistas sinalaron que este espazo xa "naceu pequeno" cando se puxo en funcionamento en 2004 pero, 17 anos despois, está "desbordado" cun nivel de "matriculación que máis que duplica a súa capacidade de 250 prazas".

Pontón explicou que, con esta iniciativa, a súa formación busca atender a demanda actual de estudos musicais na cidade e comarca ante unha carencia de espazo que ten como consecuencia que "tampouco se garanta a matrícula ao alumnado que, procedente doutros centros, teñan este como referencia para concluír o grao musical profesional".

A falta de oferta suficiente fai que moitas familias teñan que recorrer ao ámbito privado para ofrecer educación musical aos seus fillos e fillas, "cun custo moi diferente", alegou a líder do Bloque, que tamén fixo referencia á existencia dun terreo adxacente ao actual edificio, o que facilita a ampliación. "O único que require é vontade política de levala a cabo e dar resposta a unha demanda social", destacou.

Nas condicións actuais, cunha matrícula que supera en moito a capacidade real do centro, a educación vese condicionada pola falta de superficie, obriga a montar aulas en espazos non previstos para tal actividade ou apañarse con horarios inadecuados. Ademais da imposibilidade de atender á demanda.

O Bloque sinala que aumentar o espazo dispoñible permitiría incorporar as especialidades de música tradicional --como gaita de fol-- e incluír en lal programación acordeón e percusión tradicional, con demanda pero que non se atende por falta de espazo e profesorado especializado.

Ademais, Pontón aproveitou a visita para formular unha proposta de integración global nunha mesma rede pública adscrita á Xunta de todos os conservatorios que operan en Galicia. "Desde o BNG propomos que estes centros pasen a ser xestionados directamente pola Xunta, porque os concellos non contan con suficientes recursos, e esa integración serviría tamén para homoxeneizar as condicións de ensino musical", manifestou.

Por último, o Bloque demanda ofertar estudos musicais de posgrao nas universidades galegas e nos conservatorios superiores para acceder a programas de doutoramento en música, co fin de facilitar a formación superior en Galicia en lugar de ter que estudar fóra.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Santiago de Compostela. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Santiago de Compostela. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta