A Coruña reforzará a súa promoción cunha nova oficina técnica sobre eventos profesionais e congresos

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que o proxecto forma parte dos obxectivos marcados polo goberno local. "A Coruña debe recuperar o músculo, o motor, o orgullo de cidade, temos que volver situar A Coruña no mapa".

Por E.P. | A CORUÑA | 22/04/2021 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A cidade da Coruña contará cun 'Convention Bureau', unha oficina técnica para reforzar a promoción da cidade como sede de referencia para a celebración de todo tipo de eventos profesionais como congresos, convencións, certames deportivos, feiras e exposicións comerciais.

Así se expuxo na presentación do proxecto no Concello da Coruña coa presenza da alcaldesa, Inés Rei; o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego; a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, e o presidente de 'A Coruña Convention Bureau', José Blanco Castiñeiras.

Trátase dunha iniciativa público-privada que nace froito da colaboración entre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e as empresas de servizos e infraestruturas locais como Palexco, ExpoCoruña e Hospeco, entre outras.

Na presentación, a alcaldesa, Inés Rey, subliñou que o proxecto forma parte dos obxectivos marcados polo goberno local. "A Coruña debe recuperar o músculo, o motor, o orgullo de cidade, temos que volver situar A Coruña no mapa, atraer investimentos e mellorar infraestruturas".

Pola súa banda, José Blanco Castiñeiras, destacou "a vontade de traballo da iniciativa pública e privada vinculadas co fomento, atracción e organización do turismo de reunións na Coruña ao redor dunha visión estratéxica común".

A nova oficina técnica terá a súa sede no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) e o seu obxectivo principal será o de potenciar e reforzar a imaxe da Coruña como cidade de encontros e de servizos "ao máis alto nivel". Por outra banda, no acto avanzouse que o Consorcio de Turismo ten previsto realizar este ano 12 eventos que suporán a presenza na cidade de máis de 6.000 persoas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, preside a presentación de 'Convention Bureau'. ANDY PEREZ
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, preside a presentación de 'Convention Bureau'. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta