Temas: ERTE DEREITOS TSXG

O Superior ratifica que Galicia Textil terá que compensar a traballadores por facerlles recuperar horas da primeira onda

Recoñece o dereito aos operarios tras non autorizarlle a autoridade laboral un ERTE á empresa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado pola empresa Galicia Textil, asentada en Xuvia, Neda (A Coruña), dedicada á fabricación de tecidos, e que obrigou aos seus empregados a recuperar as horas non traballadas durante o estado de alarma, na primeira onda da pandemia, tras serlle denegado un ERTE pola autoridade laboral, ao estimar que a súa solicitude, por causas de forza maior, non estaba xustificada, xa que dita medida se instaurou un día antes de que fose aprobado o Real Decreto que recollía o permiso retribuído recuperable.

Protesta de traballadores de Galicia Textil.
Protesta de traballadores de Galicia Textil.

Unha vez denegada esta petición, a dirección instou os traballadores a regresar aos seus postos, o cal fixeron, pero tratou de que estes recuperan as horas non traballadas, ata 72, no seu tempo libre, sobre todo os sábados.

Esta postura empresarial motivou a oposición dos delegados e tras non chegar a un acordo presentaron unha demanda ante un dos xulgados do social de Ferrol, cando algúns dos traballadores xa recuperara boa parte do tempo reclamado pola dirección, chegando a sentenza o 27 de novembro de 2020, fallando a favor do postulado dos delegados sindicais.

Recoñecía así o dereito dos empregados a gozar das súas anteriores condicións sen necesidade de ter que ser traballadas esas horas, correspondentes a nove días laborables, e condenaba a empresa a compensar o exceso de xornada, ben con tempo, ou mediante o pago das horas como extraordinarias.

Este fallo foi recorrido pola dirección de Galicia Textil e agora é cando o TSXG dá de novo a razón aos traballadores, nunha sentenza con data de 19 de abril de 2021, estimando que non teñen a obriga de recuperar o tempo que foron enviados á súa casa por decisión da dirección.

Temas: ERTE DEREITOS TSXG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta