Os accidentes mortais no traballo en Galicia apenas descenden, aínda que a sinistralidade si diminúe

Por niveis de gravidade, a maior caída rexistrárona os accidentes leves cun 24,56% menos --ao alcanzar o total de 21.873--, mentres que nos graves o descenso xa é menor, do 19,62% --con 377 sinistros--.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A parada de actividade económica provocada pola pandemia da covid-19 deixou unha caída do 24,45% na cifra de accidentes de traballo en todo 2020 en Galicia, que alcanzaron os 24.511 en total. Con todo, esta melloría non tivo reflexo en todos os episodios de sinistralidade laboral, xa que os accidentes mortais tan só diminuíron un 3,7% con respecto ao 2019.

Así consta nun informe elaborado polo sindicato CC.OO., en base a cifras oficiais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA) e do Ministerio de Traballo, e que este venres presentou en rolda de prensa o seu secretario de Saúde Laboral en Galicia, Roi Fernández.

Tal e como explicou o sindicalista, a paralización da economía traduciuse nun "descenso notable" na cifra de accidentes de traballo con baixa: 24.511 en 2020 fronte aos 32.641 en 2019, uns 8.000 menos. De todos os producidos ao longo do pasado ano, o 90,99% ocorreron na xornada laboral (22.302) e os 9,01% restantes no desprazamento cara ao centro alboral (2.209), o que se coñece como 'in itinere'.

Por niveis de gravidade, a maior caída rexistrárona os accidentes leves cun 24,56% menos --ao alcanzar o total de 21.873--, mentres que nos graves o descenso xa é menor, do 19,62% --con 377 sinistros--. Ademais, os casos nos que o operario faleceu tan só diminuíron un 3,7%, ao pasar dos 54 do 2019 aos 52 do 2020, ano con menor actividade. Isto indica, segundo Roi Fernández, que "a sinistralidade está moi arraigada" no tecido produtivo da Comunidade galega. "Algo está a fallar", denunciou.

INCIDENCIA DA SINISTRALIDADE

Así mesmo, de acordo co informe de CC.OO., a incidencia da sinistralidade laboral é maior en Galicia, con 5,31 accidentes por cada 100.000 traballadores, que a de todo o Estado español, cunha proporción de 3,27 por cada 100.000 asalariados. De feito, no ranking por comunidades autónomas, a galega é a cuarta.

Con respecto ao 2019, o índice de incidencia global descendeu nun 22,91%. Pero chama a atención que o único indicador que subiu, a pesar da pandemia, foi o dos accidentes mortais protagonizados por homes, cun 0,29% máis, mentres que o das mulleres caeu un 24,35%.

Por sectores económicos, a incidencia da sinistralidade diminuíu en maior medida nos servizos, con 10.152 accidentes (-25,29%); na industria, con 6.873 (-22,47%); e na construción, con 3.332 (-21,39%). Mentres tanto, no sector primario o descenso foi menor: en agricultura, os 1.151 accidentes ocorridos en 2020 implicaron unha baixada do 15,14% e en pesca, houbo 794 que só supuxeron unha caída do 9,77%.

O estudo de CC.OO. tamén reflicte como os empregados con menos antigüidade teñen máis probabilidades de sufrir un accidente, xa que o 18,57% sufrírono persoas con menos de tres meses no seu posto. De feito, o 40,78% dos afectados contaban con contratos temporais, a pesar de que este colectivo supón o 24% do total de asalariados en Galicia.

ENFERMIDADES PROFESIONAIS E COVID

No que respecta ás enfermidades profesionais, o secretario de Saúde Laboral de CC.OO. en Galicia criticou o "escaso" recoñecemento que tiveron en 2020, cando caeron un 20,92% a pesar da pandemia, ao notificarse un total de 1.323. Así, o sindicalista reclamou o recoñecemento de "a totalidade" das patoloxías que teñen a súa orixe no traballo: "Esta é a base para traballar en prevención. Por sectores, as enfermidades profesionais recoñecéronse en maior medida na industria (50,26%), seguida polos servizos (38,47%), a construción (8,09%) e a pesca e a agricultura (3,17%).

Estes datos evidencian, para Roi Fernández, que hai que "revisar os criterios" e "o modelo" de recoñecemento dos accidentes de traballo en Galicia, señaladamente no que respecta á covid. E é que en toda España foron recoñecidas como enfermidades laborais "só" 9.858 infeccións por coronavirus, 92 delas na Comunidade galega. "É unha inxustiza que temos que corrixir", sentenciou o secretario de Saúde Laboral de CC.OO.

Un camareiro recolle unha lámpada de calor da terraza dun restaurante / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un camareiro recolle unha lámpada de calor da terraza dun restaurante / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta