As vacinas salvan vidas: as residencias galegas cumpren un mes sen contaxios nin mortos

O 93% dos residentes están vacinados coa pauta completa e o 7% restante son novas altas que no seu día rexeitaron a vacina.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/04/2021 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

Transcorridos case catro meses desde que o 27 de decembro de 2020 Nieves Cabo inaugurase na residencia Porta do Camiño de Santiago o proceso de vacinación en Galicia, as residencias cumpren un mes sen contaxios nin mortes por covid e eríxense agora como proba da efectividade das vacinas na loita contra a pandemia tras representar a peor cara da mesma.

Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas cara á residencia Albertia, a 17 de abril de 2021, en Lugo
Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas cara á residencia Albertia, a 17 de abril de 2021, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

O pasado 21 de marzo, as autoridades sanitarias notificaron un gromo con once usuarios contaxiados nunha residencia de Silleda. Foron, ata a data, os últimos casos de covid-19 de residentes nos centros de maiores de Galicia, que tampouco rexistran falecidos no último mes.

Desde o 1 de abril, cando estas once persoas deron negativo nas probas diagnósticas, os xeriátricos galegos permanecen sen casos activos de coronavirus entre os maiores. Se temos en conta os positivos entre os traballadores, estes centros levan xa nove días consecutivos libres do patógeno.

Ademais, as mortes nestes centros pasaron de representar case a metade das que deixaba a pandemia mensualmente a apenas o 6% das que rexistradas no marzo.

Todo iso grazas ao proceso de vacinación, que arrincou a finais de decembro entre os maiores nas residencias, primeiro grupo prioritario no plan deseñado pola Administración central. Por aquel entón, os xeriátricos galegos sumaban 114 casos activos e case o 42% dos falecementos por covid-19.

118 días despois daquel histórico 27 de decembro, o 93% dos usuarios de residencias de maiores están vacinados coas dúas pautas completas. O 7% que non o está corresponde, segundo a Consellería de Política Social, a novas incorporacións nos centros que no seu día "renunciaron" a recibir a vacina.

A Xunta resalta o papel "determinante" xogado pola vacina para frear a incidencia da covid-19 nos centros de maiores e como mostra diso sinala unha data da que se cumpriu un mes o pasado venres: o 23 de marzo. Esa foi a última xornada na que houbo que lamentar un falecido relacionado cun centro residencial, unha muller de 92 anos usuaria da residencia de Silleda, precisamente a última en rexistrar contaxios ata o momento.

Con todo, o 20 do mesmo mes, tres días antes da morte desta muller, falecía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) outro usuario do mesmo xeriátrico silledense. Era un home de 87 anos que xa contaba con patoloxías previas e que contraeu o coronavirus a pesar de que estaba vacinado con ambas as doses.

Trátase do único caso coñecido en Galicia dun residente que perdeu a vida aínda que xa fora completamente inmunizado. En todo caso, a Consellería de Política Social insiste en que é "un caso illado" e lembra que as vacinas "non teñen un 100% de efectividade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta