BNG e PSdeG rexeitan o proxecto de lei de creación da universidade privada de Afundación

Consideran que a oferta formativa que expón "duplica" titulacións das universidades públicas galegas e "esquece" a investigación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/04/2021 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG pediron que se devolva o proxecto de lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada de Galicia e que está promovida por Afundación (Abanca), debido a que a oferta formativa que expón "duplica" titulacións das universidades públicas galegas e "esquece" a investigación. Para iso, presentaron na Cámara galega senllas emendas á totalidade contra o proxecto de lei.

Alumnos en clase
Alumnos en clase | Fonte: Óscar Cañas - Europa Press.

O PSdeG remarcou que "os títulos proxectados (pola universidade que promove Afundación) xa existen en Galicia como tales, nalgúns casos en varios campus". De feito, sinalou que a súa implantación suporía o incumprimento de requisitos recollidos no decreto que regula os ensinos universitarios oficiais en Galicia e que indica que "o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo".

Tamén apuntou que non se contemplan os ingresos previstos para o fomento da investigación e reprobou a "absoluta falta de transparencia e opacidade" do procedemento de tramitación da lei, que "foi denunciada polo tres universidades galegas".

Pola súa banda, o Bloque considerou na emenda presentada que a lei resulta "innecesaria" dado que o sistema universitario galego "cumpre coas necesidades de titulación que hai no país".

A formación nacionalista tamén puxo o foco en que a proposta formativa da universidade de Afundación "duplica" moitas das titulacións existentes no sistema universitario galego e "esquece por completo a investigación", un dos eixos que deberán "impulsar a recuperación tras a pandemia". Ademais, advertiu de que a implantación da Universidade Intercontinental da Empresa levará que as consideracións económicas supoñan o factor determinante para a selección do alumnado por primeira vez en Galicia.

Así as cousas, o BNG concluíu que este proxecto de lei representa un "ataque" ao sistema público universitario e "outro paso" para "favorecer a privatización da universidade galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta