G.Caballero: "Quero un PSdeG galeguista, feminista, verde e de esquerdas"

Asegura que comparte "diagnóstico" co alcalde de Vigo para "fortalecer" o partido en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, asegurou que comparte "diagnóstico" co alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre a situación do PSdeG, formación que se debe "fortalecer" tras converterse en terceira forza nas últimas eleccións autonómicas.

Así se pronunciou ao ser preguntado polas declaracións concedidas á Cadena Ser nas que o rexedor da cidade olívica afirmou que o partido deberá avaliar "que decisións toma en Galicia" tras este resultado que "non foi bo" e defendeu chegar ao "máximo de acordos" no seo da formación.

Respecto diso, Gonzalo Caballero sinalou que fala con "bastante asiduidade" co rexedor. "Como el mesmo trasladou o pasado sábado na comparecencia conxunta que fixemos en Vigo, compartimos que o PSdeG ten que facer un esforzo por mellorar e nese traballo estamos todos os socialistas", dixo.

Tras iso e nun contexto no que os socialistas galegos deberán celebrar o congreso para elixir á súa dirección a finais de ano, Gonzalo Caballero incidiu en que, "cando toque", a formación falará de "todas as claves".

"O futuro do PSdeG vano a decidir os militantes que en primarias colocaron a Pedro Sánchez para facer unha etapa de fortalecemento e alí estivemos a traballar ao seu carón", manifestou para subliñar que a militancia quere "un PSdeG galeguista, feminista, verde e de esquerdas". "Ese é o PSdeG que eu quero e o que impulsamos coa militancia", apuntou.

Dito isto, mostrouse convencido de que "os cadros da organización" van estar á beira da militancia nesa liña de avance e para que non haxa retrocesos en todo ese ideario político". Na súa opinión, Galicia necesita un PSdeG "forte" fronte a unha "dereita conservadora e a un nacionalismo que durante moito tempo tentou esconder a súa posición soberanista". "O PSdeG é a única forza que pode garantir un cambio en Galicia, e para iso, temos que traballar e fortalecer o partido", afirmou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto en Vigo o pasado sábado. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto en Vigo o pasado sábado. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta