As cidades galegas serán obxecto de iniciativas do PPdeG na Cámara para pedir actuacións ao Goberno sobre elas

Os populares din lame tar que o Goberno central "non estea a colaborar o suficiente para a mellora da situación nas cidades galegas". A primeira iniciativa estará relacionada con Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O Grupo Popular iniciará con Vigo no pleno desta semana unha serie de iniciativas parlamentarias a través das que demandará ao Goberno central actuacións pendentes nas principais cidades e pobos de Galicia.

Así o destacou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, nunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia e na que lembrou que a situación política, social e económica actual está marcada pola pandemia, polo que reclamou un "esforzo conxunto" das administracións para permitir que a recuperación sexa "máis rápida e fácil".

Deste xeito, sinalou que a Xunta está a facer un traballo notable de estímulo da economía e de impulso de iniciativas que estaban en carteira, pero lamentou que o Goberno central "non estea a colaborar o suficiente para a mellora da situación nas cidades galegas".

Neste sentido, avanzou que este tipo de proposicións non de lei "non vai ser unha iniciativa exclusiva de Vigo", senón que continuarán levando ao Parlamento galego propostas para o Goberno de Pedro Sánchez saque adiante actuacións importantes da súa competencia, que na súa maioría estaban comprometidas polo anterior Goberno de Mariano Rajoy.

Respecto da iniciativa que se debaterá no pleno desta semana, o PP pide a realización de proxectos en Vigo que dean solucións ás "carencias estruturais existentes" na cidade, relacionados coa AP-9, as conexións ferroviarias, a mellora do saneamento, a conexión eléctrica a 220kv, a promoción do Xacobeo, a construción da Biblioteca Pública Nacional ou a reforma da Lei de cambio climático.

RECUPERACIÓN SUSTENTABLE DA PESCA

Por outra banda, Pedro Puy explicou que o Grupo Popular tamén demandará que o Parlamento galego rexeite a resolución do Parlamento Europeo que dispón medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por encima do rendemento máximo sustentable, unha decisión que conta con numerosos aspectos que son "moi negativos para os intereses da frota pesqueira galega e da cadea mar-industria".

En concreto, o portavoz popular explicou que o Parlamento europeo aposta por substituír o criterio de rendemento máximo sustentable polo de rendemento máximo económico, realizando unha excesiva presión ambiental sobre o sector, que xa ten que afrontar retos impostos como a obrigación do desembarque, o Brexit ou a futura reforma do regulamento de control.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, na rolda de prensa. PPDEG
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, na rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta