Galicia tomará as rendas da vacinación dos mariñeiros se o Ministerio de Sanidade "non asume as súas competencias"

"Non imos seguir consentindo que os mariñeiros estean nesta situación", advirte a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 28/04/2021 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou que a Xunta de Galicia "terá que tomar decisións se o Ministerio de Sanidade non asume as súas competencias" de vacinar aos mariñeiros, un marco no que asegurou que "Galicia non vai seguir consentindo que os mariñeiros estean nesta situación".

Un barco de pesca da frota artesanal
Un barco de pesca da frota artesanal | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Quintana referendou que "a vontade" do Instituto Social da Mariña (ISM) "é atender esta petición de vacinación" e, de feito, a súa directora, trasladoulle que "comparte tamén a preocupación para vacinar da maneira máis rápida posible".

Neste sentido, volveu sinalar que a Xunta xa ofreceu "mesmo a posibilidade de fornecer as vacinas aos médicos do ISM", xa que entende que este organismo é o que o tería que facer porque dispón dos médicos e as oficinas no territorio estatal e terceiros países, e conta "con toda a loxística" e coa "listaxe de tripulantes que leva cada buque".

"Se non se autoriza ao ISM a vacinar teriámolos que vacinar nós", avanzou, aínda que manifestou que sería "moito máis complexo", xa que a Xunta non dispón de loxística "para saber cando entra e sae cada buque", nin tampouco ten a listaxe dos tripulantes, ante o que tería que "revisar se, por cuestións de protección de datos, o ISM poderíallos facilitar".

Así as cousas, incidiu en que, de levar a cabo esta medida, a Xunta tería que "iniciar negociacións" co instituto para que lle achegase as listaxes dos mariñeiros, así como "a localización deses tripulantes". "É moito máis complexo para nós, pero desde logo non podemos seguir nesta indefinición", selou.

DARIAS "TEN QUE RECAPACITAR"

Tras insistir en que o ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, se mostrou "disposto" a esta vacinación, volveu reclamar á ministra de Sanidade, Carolina Darias, que "recapacite" sobre as súas declaracións de que os mariñeiros serán vacinados cando "lles toque" por idade. "Ten que recapacitar un pouco e asumir o que se acordou no comité interterritorial" de saúde, subliñou.

"Aprobouse no último comité que se vacinase os mariñeiros polo ISM, pero non desde logo coa resposta de cando lles toque, coa quenda que lles toque e coa vacina que lles toque; creo que non é unha resposta moi acertada", lamentou.

Neste ámbito, considerou "doado de entender" que "nun barco, por moi grande que sexa, é moi difícil manter as distancias de seguridade". Ademais, aqueles que están máis de 15 días navegando "non teñen ao seu alcance inmediato un hospital". "Este colectivo merece unha consideración especial", concluíu.

O Goberno galego pediu en varios consellos interterritoriais que se considere os mariñeiros como grupo esencial a vacinar e, ademais, defende a idoneidade de administrar a fórmula de Janssen, cuxas primeiras 8.350 doses chegaron a pasada semana a Galicia.

A idea é que, como esta vacina é dunha única dose, se administre a este colectivo co obxectivo de que non estea condicionado para acceder ás segundas doses polas mareas, xa que en ocasións poden atoparse fóra ata dúas semanas consecutivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta