O BNG leva a súa campaña contra o "espolio de riqueza" a Pontevedra para denunciar a proliferación de eólicos

O responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, sinala que "a Xunta e o PP están colocados ao lado das empresas multinacionais, cuxo único obxectivo é mellorar a súa conta de beneficios".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O BNG leva a Pontevedra a súa campaña contra "o espolio de riqueza" coa proliferación dos parques eólicos este venres 30 de abril, ás 20,30 horas, no Teatro Principal cunha charla-coloquio co título de 'Por un Plan eólico público, xusto, sustentable, e que xere riqueza no territorio. Non ao espolio eléctrico'.

Na presentación deste acto, o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, sinalou o "momento histórico" que se vive no mundo coa transición enerxética que busca substituír os combustibles fósiles por enerxías renovables, "un proceso que o BNG apoia desde o primeiro momento no noso país" debido a "o noso compromiso ambiental". E porque entende que Galicia é "unha potencia na produción de enerxía". "Podemos selo aínda máis", afirmou, e porque se trata de "unha oportunidade histórica para o desenvolvemento económico, industrial, tecnolóxico, social e ambiental do país".

"Por desgraza", engadiu Demetrio Gómez, "a Xunta e o PP están colocados ao lado das empresas multinacionais, cuxo único obxectivo é mellorar a súa conta de beneficios", á conta de "expoliar a riqueza de Galicia".

Segundo indicou o responsable do BNG na comarca de Pontevedra este espolio leva a cabo "cunha acción lexislativa que nos mantén cunha lexislación obsoleta, ou, cando lexisla de novo, faino contra o territorio, como como a coñecida popularmente como Lei de depredación". Ademais, engadiu que, o goberno galego está a tramitar todos os proxectos eólicos "de maneira oscurantista e sen información".

No BNG, avanzou Gómez, van "facer todo o que estea" na súa man "para que isto non sexa así" e, para iso, anunciou que porán en marcha a súa "actividade parlamentaria", e ademais van solicitar toda a información sobre os polígonos e a informar os veciños da comarca de Pontevedra dos parques eólicos que afectan nestes momentos a concellos como Moraña, Cerdedo-Cotobade ou, de maneira máis embrionaria, ao monte da Fracha, entre os concellos de Pontevedra e Soutomaior.

ITINERANTE

O responsable comarcal do Bloque afirmou que a organización nacionalista leva xa unhas semanas con esta campaña, con actos informativos en Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, e cunha visita á parroquia de Borela para observar sobre o terreo o lugar onde se pretende instalar un parque eólico, con muíños a menos dun quilómetro de vivendas.

Esta campaña informativa, chega este venres a Pontevedra cun acto no Teatro Principal no que participarán os portavoces parlamentarios de Medio e Industria, Luís Bará e Noa Presas. Trátase dun acto aberto pero, debido ás limitacións de aforamento polo protocolo Covid, para asistir fai falta anotarse no local do BNG a través dos teléfonos 986 866205 ou 620 26 28 02. O acto retransmitirase no Facebook do BNG Pontevedra-Caldas.

Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo
Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta