Un mes para impedir que os Franco queden cos bens protexidos do Pazo de Meirás

A Xunta xa anunciou que daría a batalla para impedir que os Franco puideran levar os BIC do pazo, pero a familia do ditador mantén as intencións de baleirar o inmoble.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou conceder á familia Franco o prazo dun mes para a retirada "das cousas, bens ou obxectos" que hai no interior do pazo de Meirás, coa excepción daquelas que eventualmente se atopen nel por ser colocadas polo Estado tras tomar posesión do inmoble.

Ademais, a letrada da Administración de Xustiza, na dilixencia de ordenación, contra a que cabe presentar recurso de reposición, require ao Estado para que permita o acceso ao pazo dos profesionais que designe a familia Franco para poder efectuar a retirada dos bens.

Respecto da petición da parte demandada de que se declare non existente, para todos os efectos, o inventario sobre os bens do pazo, así como de que se prohiba a súa divulgación, o xulgado outorga ás partes un prazo de dez días para indicar se están conformes con esta solicitude ou presenten alegacións.

A resolución atende á petición feita polos Franco nun escrito presentado polos seus letrados este luns despois de que a Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito mobiliario a favor do Estado. Sobre os bens existentes, os Franco xa adiantaron a súa vontade de retirar todos, incluídos os declarados como Ben de Interese Cultural (BIC), aínda que neste caso terían que pedir autorización á Xunta.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo

A XUNTA BATALLARÁ POLOS BIC

Recentemente, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reivindicou tanto as estatutas Mestre Mateo como a biblioteca de Emilia Pardo Bazán como bens "de Galicia", negándose á súa retirada, e avanzou que a Administración autonómmica exercerá o seu marco competencial co obxectivo de que queden nesta autonomía.

Coa decisión adoptada pola Audiencia da Coruña ao estimar o recurso da familia do ditador --que agora deberá ser "indemnizada" polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación--, deixouse sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás.

Os maxistrados deixaron aberta, no entanto, a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta