O PSOE acusa a Baltar de "deber irregularmente" parte do salario aos empregados da Deputación de Ourense

Os socialistas aseguran que o secretario xeral da Deputación "avala" nun informe a denuncia que efectuou o grupo provincial.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/04/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense acusou ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, de "deber irregularmente" parte do salario aos empregados da institución. Os socialistas aseguran que o secretario xeral da Deputación "avala" nun informe a denuncia que efectuou o grupo provincial hai tres semanas, na que afirmaban que os traballadores da institución acumulan cinco meses sen cobrar a subida salarial do 0,9% que determina a Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

Neste sentido, o viceportavoz socialista na Deputación, Nacho Gómez, acusou o portavoz popular, Plácido Álvarez, de "mentir e mal informar" cando insinuou que o deputado socialista "só quería a suba salarial para si mesmo". "O secretario non só avala que a suba é de obrigado cumprimento, senón que tamén resalta que o convenio regulador da Deputación establéceo así", manifestou o socialista.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no Senado
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no Senado | Fonte: Deputación de Ourense.

Ademais, Gómez resaltou que o secretario conclúe que os cargos públicos non teñen dereito a esa suba do 0,9%, cualificando as palabras dos populares de "falta de respecto á democracia". "A Deputación é morosa con respecto aos seus empregados", denuncian os socialistas á vista das conclusións do secretario.

"Nin Baltar, nin Plácido, nin ningún outro secuaz deste señor vai amedrentar o Partido Socialista", censurou Gómez para apostilar: "Non imos ceder ante unha institución corrompida. O que se ten que ir para a súa casa é o señor Baltar, que nos deixen tranquilos aos que respectamos a democracia", sentenciou.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafa Villarino apuntou que "Baltar debe apartarse da vida pública para deixar de entorpecer esta cidade e esta provincia, e permitir que a democracia entre dunha vez nesta terra". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta