A alcaldesa da Coruña e o delegado do Goberno apelan a ir "paso a paso" no deseño da fachada marítima

Ambos mantiveron unha reunión no consistorio onde abordaron as principais actuacións na cidade

Por E.P. | A Coruña | 29/04/2021 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apelaron a ir "paso a paso" no deseño da fachada marítima da cidade, tras o encontro que mantiveron no Palacio Municipal de María Pita onde abordaron infraestruturas e outros investimentos do Estado na cidade.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey | Fonte: Delegación do Goberno.

Ao termo do encontro, e preguntados polo futuro dos peiraos interiores, ambos incidiron na importancia do anuncio do proxecto de construción da ligazón ferroviaria ao porto exterior da Coruña, que este venres o Executivo enviará a Bruxelas para acollerse aos fondos Next Generation, segundo expuxo Miñones. Con eles, engadiu, financiarase tamén a ampliación de Alfonso Molina.

En canto ao porto, a rexedora agradeceu as achegas doutras administracións, tras as realizadas por Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña, pero volveu a apelar a respectar "os tempos" e ao resto de "administracións".

"Sacar o debate da comisión técnica desvirtúa o debate", sentenciou emprazando a debater o futuro da fachada marítima na mesma, en concreto na reunión convocada o 5 de maio. "Hai que respectar os tempos para avanzar e non dar pasos atrás e respectar o marco de colaboración institucional", recalcou.

Antes desta cuestión, tanto o delegado do Goberno como a alcaldesa celebraron o acordo de Adif sobre o convenio para a estación intermodal, "unha infraestrutura desbloqueada", dixo a alcaldesa ao reivindicar o labor do consistorio a este respecto.

Xunto a esta actuación e a de Alfonso Molina, o delegado do Goberno fixo alusión á rexeneración da ría do Burgo, unha obra cuxo inicio situou "ao longo do verán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta