Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 18:31
Representantes da hostalaría están convocados este venres a unha reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que pedirán que se manteñan as axudas ao lecer nocturno máis aló da súa posible apertura, así como que se teña en conta a posibilidade de incrementar o horario de bares e cafetarías.
O representante dos hostaleiros de Lugo, Cheché Real, é un dos convocados a este encontro, que terá como obxectivo avanzar nas conversacións relacionadas co lecer nocturno e onde esperan que as autoridades concreten máis datos da "proba piloto" que se prepara para este sector e que a Xunta quere facer en maio.
"O importante é que se empezou a falar do lecer nocturno. Vemos a posibilidade de que poida abrir, aínda que non abrirá ao cento por cento en canto a horarios e aforamentos", puntualizou. Consecuentemente, os hostaleiros tratarán coa Xunta as axudas que necesita o lecer nocturno e que cren que "deben manterse", xa que "non se vai a poder abrir ao cento por cento". "Eu calculo que ata finais de ano ou o ano que vén non se abrirá ao cento por cento", explicou Cheche Real.
Outro dos temas que levarán á reunión será a petición de que se igualen os horarios de peche de cafetarías e bares cos dos restaurantes, que xa poden manter a súa actividade ata as 23,00 horas. "A situación epidemiolóxica é a que é, os datos que temos son bos. Entón, entendemos que teñen que abrir todos os establecementos ata o once da noite", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.