O Consello da Xunta aproba ampliar o bono eléctrico destinando máis de 1,5 millóns

Un total de 25 concellos adheríronse ao protocolo de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para facilitar o acceso aos servizos bancarios e financeiros nos concellos do ámbito rural.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta acordou este xoves ampliar o crédito das axudas do Bono eléctrico galego en 300.000 euros, polo que o orzamento destinado alcanza os 1,6 millóns de euros. O obxectivo, como indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, é "evitar os cortes de subministración nos fogares galegos con dificultades". No que vai de ano, concedéronse apoios a 2.770 familias por un importe próximo aos 900.000 euros.

Para acceder a estas axudas, os solicitantes deberán residir en Galicia e ser titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso, ser consumidores vulnerables severos --e por tanto, beneficiarios do Bono social estatal cun 40% de desconto--, e estar en risco de exclusión social, --termo que deberá ser acreditado mediante un informe expedido polos servizos sociais--.

Os apoios outórganse por orde de solicitude e serán do 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante, cunha contía máxima de 300 ou 450 euros --en caso de familias numerosas--. A presentación de solicitudes será preferiblemente telemática e establecerase un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución.

Por outra banda, o Consello deu luz verde á creación de 40 novas prazas públicas residenciais de atención especializada a maiores e persoas con discapacidade, para o que a Xunta investirá 2,1 millóns de euros.

Habilitaranse 15 prazas de atención residencial terapéutica no concello de Ortigueira --cinco de carácter ocupacional e dez cun nivel de afectación maior-- e outras 25 de estimulación para persoas con alzheimer e outras demencias na provincia de Pontevedra, que se dividirán entre os concellos de Moraña (10) e Mos (15). Todas estas prazas públicas contrataranse inicialmente ata o 31 de decembro de 2022, pero poderán prorrogarse ata xullo de 2026.

Reunión semanal do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
Reunión semanal do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA

CAIXEIROS AUTOMÁTICOS

Un total de 25 concellos adheríronse ao protocolo de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para facilitar o acceso aos servizos bancarios e financeiros nos concellos do ámbito rural. Así se desprende dun informe presentado este xoves polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no Consello da Xunta, e do que informou a Administración autonómica nun comunicado.

Os concellos que xa solicitaron a súa adhesión son: Aranga, Vilasantar, Dumbría, Lousame, Paderne, Cabanas e Dodro, na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín e Samos, na de Lugo; e os municipios de Carballeda de Avia, Larouco, Vilar de Santos, Arnoia, Petín, Xunqueira de Ambía, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Porqueira, Os Blancos, A Teixeira, A Peroxa, Melón e Oímbra, na de Ourense.

A iniciativa consiste na instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais, a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de forma similar a unha oficina bancaria convencional, solucionar de forma presencial as dúbidas dos clientes: e a oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta