Aprobada unha moción de PSOE e BNG na Deputación de Pontevedra contra as "prácticas caciquis" da Xunta

A iniciativa, promovida polo Grupo Socialista, solicitaba á Xunta un plan anual de dotacións e equipamentos públicos "transparente e con bases obxectivas" para todos os municipios galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2021 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Os votos de PSOE e BNG no pleno da Deputación de Pontevedra sacaron adiante unha moción que denuncia "vergoñosas prácticas caciquís" por parte da Xunta de Galicia á hora do financiamento dos municipios. A iniciativa foi aprobada co apoio dos dous grupos que sustentan ao goberno provincial que preside a socialista Carmela Silva, mentres que o PP votou en contra.

A parte resolutiva do pleno ordinario do mes de abril celebrado este venres apenas durou cinco minutos nos que se aprobaron o dez primeiros puntos da orde do día por unanimidade. Este consenso freouse ao chegar ao debate das mocións, unha presentada polo PSOE e tres do PP.

A iniciativa, promovida polo Grupo Socialista, solicitaba á Xunta un plan anual de dotacións e equipamentos públicos "transparente e con bases obxectivas" para todos os municipios galegos. O deputado portavoz do grupo socialista Carlos López Font acusou á Xunta de repartir fondos "de maneira partidista" beneficiando a aqueles concellos gobernados polo Partido Popular e "onde a transparencia é unha quimera".

López Font puxo como exemplo o traballo do Goberno provincial co Plan Concellos ou o Plan de reequilibrio fronte ao "furtivismo administrativo" co que, ao seu xuízo, actúa o Executivo autonómico presidido por Alberto Núñez Feijóo que "practica o caciquismo do século XIX".

Tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, avogou por acabar cos "privilexios que están a gozar de maneira arbitraria os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular".

PP VE AO PSOE "UN BARCO Á DERIVA"

O portavoz do PP, Jorge Cubela, cualificou esta moción de "panfleto doctrinario" que, segundo dixo, responde a que "o PSOE galego é un barco totalmente á deriva desde 2009". Ademais, acusou ao Goberno provincial presidido por Carmela Silva de crear unha "rede de comisarios políticos para controlar a actividade da institución".

Cubela defendeu a xestión da Xunta cun repaso por diferentes actuacións do goberno galego na provincia, asegurando que é a administración que máis inviste en Vigo "aínda que lle a pesar de Caballero, ao tío e ao sobriño". "Os alcaldes do Partido Socialista viven mellor co PP na Xunta que cando estaba o bipartito", dixo.

Os argumentos anteriores repetíronse coa primeira moción do PP que pedía un convenio propio para A Cañiza para mellorar a piscina climatizada. Unha proposta rexeitada polos grupos que conforman o Goberno provincial argumentando que non se vai romper o principio de igualdade existente na Deputación para beneficiar a ningún concello "sexa da cor que sexa", insistiu Mosquera.

MUSEO PONTEVEDRA

Noutra moción, a deputada provincial do PP Pepa Pardo pediu á Deputación que explore "novas alternativas" á ampliación subterránea do Museo de Pontevedra ao entender que a proposta de construír unha conexión baixo terra entre os antigos edificios "é totalmente agresiva co centro histórico de Pontevedra", e provocou que veciños, comerciantes e técnicos opuxéronse frontalmente á obra.

O vicepresidente César Mosquera replicou que se segue traballando "na definición dun proxecto axustado ás necesidades" porque a solución da conexión soterrada para os edificios centrais "funciona e é fantástica".

Ademais, Mosquera dixo que "en breve haberá novidades sumamente importantes, interesantes, e transcendentes para o futuro do Museo". A moción foi rexeitada cos votos do PSOE e do BNG do mesmo xeito que a última iniciativa do PP relativa ás estradas provinciais polas que pasa o Camiño de Santiago ao estar en proxecto unha futura actuación neste sentido.

O deputado responsable de Economía no Goberno provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O deputado responsable de Economía no Goberno provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta