O paridoiro de Verín que quixo fechar Feijóo, un exemplo fronte a teleasistencia que impulsa o Sergas

Foron das primeiras en adaptarse a unha atención virtual que resolveran elas con medios propios. Con todo, insisten no contacto directo. "A presencialidade é esencial nestes casos. As embarazadas necesitan o contacto directo entre elas e coa matrona, é unha cuestión de empatía", apuntan.

Por Galicia Confidencial | Verín | 04/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ninguén podería pensar hai ano e medio que o paridoiro do Hospital de Verín sería un exemplo entre embarazadas e matronas de toda Galicia. Esta unidade que a Xunta quixo pechar e trasladar a Ourense mobilizou a milleiros de persoas de toda a comarca e provocou que o Sergas tivera que dar marcha atrás.

Atención a unha paciente en consulta de embarazo
Atención a unha paciente en consulta de embarazo | Fonte: EP

E desa loita xurdiu un novo servizo no que pacientes e profesionais sanitarias son todo un exemplo. Non é só que teñan atentido a máis crianzas agora que antes, senón que tamén cambiou o modelo de atención, especialmente, a raíz do coronavirus. Ante a supresión "abrupta" da actividade presencial en marzo de 2020, o colectivo de matronas comezou a impartir as clases por videoconferencia en abril dese mesmo ano a embarazadas de toda Galicia.

"Aínda que tiñamos un teléfono activo as 24 horas, vimos que non era suficiente e, fóra do noso horario laboral, nas nosas casas, cos nosos propios medios, empezamos a ofrecer a formación relativa aos coidados antes e despois do parto, lactación, saúde mental perinatal e en caso de duelo, entre outros aspectos", explica Begoña Pérez, participante na iniciativa, que recoñece ademais que, ata que o Sergas lles facilitou medios técnicos, utilizaban as súas propias cámaras e pagaban a súa propia conta na plataforma Zoom.

ATENDEN A 30 E 35 XESTANTES

Nas súas clases telemáticas, as matronas de Verín atenden, de media, a unhas 30 ou 35 mulleres por sesión, aínda que en momentos puntuais chegaron a contar con 70 'alumnas'. "Desde que empezamos, asistimos a máis de 700 mulleres, e seguimos sumando", indica Begoña Pérez.

As clases seguen activas, agora por duplicado: impártenas presencialmente e en directo mediante unha plataforma facilitada polo Servizo Galego de Saúde, que tamén habilitou a biblioteca do hospital ourensán para os grupos presenciais. "Tivemos que adaptarnos, pero isto é un parche. A presencialidade é esencial nestes casos. As embarazadas necesitan o contacto directo entre elas e coa matrona, é unha cuestión de empatía", insiste Begoña.

Xestantes e matronas coincidiron na "temporalidade" destas solucións e reclamann "unha mellor planificación" e, sobre todo, "máis persoal". "As matronas estaban ata arriba", sinala unha das xestantes consultadas por EP.

"Aínda que foi, e está a ser, unha etapa complicada, profesionalmente é moi satisfactorio ver o agradecidas que están as xestantes. Sentíronse soas e tentamos achegar o noso graniño de area", recoñece a matrona do Hospital de Verín, que destaca ademais que "de non ser polo movemento iniciado polas propias mulleres, e apoiado por moitos profesionais, os dereitos das gestantes, e dos seus bebés, seguirían sendo vulnerados".

CRÍTICAS

A pandemia de covid-19 paralizou, e nos mellores casos, alterou, a vida de moitas persoas. Tamén o fixo coas embarazadas que, nunha das experiencias máis importantes da súa vida, viron como consultas, probas e outras citas médicas eran suspendidas, aprazadas e para moitas, no caso da educación maternal, canceladas.

"As embarazadas, a pesar de ser un grupo especialmente vulnerable, foron as grandes esquecidas desta crise sanitaria, sentíronse soas", afirma María Porto, responsable do grupo de Facebook 'Embarazadas Galicia', "unha comunidade creada para que estas mulleres teñan un sitio no que desafogarse e compartir experiencias".

Un grupo no que se critica, e moito, a falta dunha asistencia persoal e a insistencia da Xunta en que case todo sexa a través de teleasistencia. "A atención no postparto ten que ser presencial, é indispensable. Aínda que certos aspectos, como resultados, se comenten por teléfono, hai cousas como a lactación ou a evolución emocional da nai, que non se poden avaliar así", destaca.

Matrona atendendo un embarazo
Matrona atendendo un embarazo | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Arteixá

O que está claro é que á xente tanto lle ten. Aquí o importante é que abran os bares.

1 Ortix

Eu mobiliceime, como miles de "xentes", para que seguira aberto, ti?