Os casos activos e os ingresados volven subir en Galicia, a pesar de facer menos PCRs

A taxa de positividade das PCR repunta ata o 1,9%, pero segue como unha das cifras máis baixas desde o verán pasado.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 02/05/2021 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Os casos activos de covid-19 e a presión hospitalaria que deixa a pandemia en Galicia volveron a experimentar lixeiros ascensos nos datos deste domingo, a pesar das baixadas do sábado. Con todo, os novos contaxios de coronavirus detectados nas últimas horas en Galicia descenderon ata os 174.

Así o recollen os datos da Consellería de Sanidade actualizados ás 18,00 horas do sábado, momento no que o total de ingresados con covid-19 ascendía a 214 --catro máis que o día anterior--, repartidos entre a UCI --51, un máis-- e as unidades convencionais --163, tres máis--.

Por áreas sanitarias, cinco delas seguiron este aumento da presión asistencial. En concreto, a da Coruña-Cee contabiliza 68 ingresados (+1), aínda que baixaron os de coidados intensivos ata os 12 (-1).

Tamén ascendeu o total de pacientes covid na área de Ourense-Verín-O Barco, ata os 28 (+2), dos que 12 están críticos (+2); en Pontevedra-O Salnés, con 26 (+1), cinco deles (igual) en UCI; en Santiago-Barbanza, con 24 hospitalizados (+1), catro (sen variacións) en coidados intensivos; e Ferrol, con 10 ingresados (+1), dos cales dous se manteñen en críticos (igual).

Pola contra, a área sanitaria de Vigo non variou no total de hospitalizados covid, que se mantén nos 41, 12 deles na UCI; mentres que a de Lugo-A Mariña-Monforte foi a única en descender, ata os 17 ingresados (-2), dos que catro se manteñen en coidados intensivos.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, Galicia volveu a anotar nos datos deste domingo unha suba, despois da baixada conxuntural experimentada o sábado. Así, aumentaron lixeiramente ata colocarse nos 3.106, sete máis, debido a que nas últimas 24 horas os novos diagnósticos superaron ás altas.

Por áreas sanitarias, os pacientes de coronaviruis aumentaron nas áreas de Vigo, ata os 945 en total (+6); en Pontevedra-O Salnés, a 491 (+14); en Santiago-Barbanza, a 364 (+9); e en Ourense-Verín-O Barco, a 269 (+2). Ademais, decreceron os casos activos nas áreas da Coruña-Cee, ata situarse nos 710 (-11); en Lugo-A Mariña-Monforte, ata 239 (-11); e en Ferrol, que cae do centenar ata os 99 (-3).

MENOS DE 200 CONTAXIOS

Pola súa banda, os contaxios detectados con calquera tipo de proba nas últimas 24 horas volvéronse a situar por baixo dos 200. Así, dos 174 novos casos, 146 foron por positivo en PCR.

A área que máis novos contaxios achega nos datos deste domingo é a de Vigo con 46 casos --cinco máis que a xornada anterior--, seguida por Pontevedra con 42 (+12), pola Coruña con 33 (sen variacións) e Santiago-Barbanza con 26 (+3). Mentres tanto, na de Ourense detectáronse 12 positivos (-7), en Lugo 11 (-7) e en Ferrol, só catro (-7).

Todo iso nunha xornada na que as probas PCR realizadas desde o inicio da pandemia ascenderon a 2.065.796, despois das 8.430 feitas nas últimas 24 horas --unhas 600 menos que o día inmediatamente anterior--.

Deste xeito, repuntou lixeiramente a taxa de positividade das PCR, ata o 1,9%, aínda que segue sendo unha das cifras máis pequenas desde o verán pasado e está moi por baixo do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Varias persoas nunha terraza, en Vigo / Europa Press. / Europa Press
Varias persoas nunha terraza, en Vigo / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta