O BNG insta o Goberno a adoptar medidas urxentes contra o "saqueo legalizado" dos bens de Meirás

O alcalde de Santiago confía en que a declaración BIC das estatuas do Mestre Mateo "garanta que non saian de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

O BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa no Congreso para esixir que o Goberno estatal "actúe decididamente e con axilidade, utilizando as ferramentas legais das que dispón, para paralizar a retirada dos bens inmobles do Pazo de Meirás". Neste sentido, reclamou que, "de ser necesario", se presente unha nova demanda para solicitar a titularidade destes elementos co obxectivo de "evitar un novo espolio do patrimonio cultural e artístico do pobo galego".

Esta petición prodúcese a raíz do auto xudicial da Audiencia da Coruña polo que se revoga o depósito mobiliario a favor do Estado por entender que a demanda da parcela catastral feita pola Administración Xeral non inclúe "mesas, vaixelas, alfombras ou cadros". No entanto, os maxistrados deixaban aberta a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Acerca da decisión xudicial, Rego manifestou que "non pode entenderse que eses bens saqueados con total impunidade se consideren agora patrimonio familiar dos Franco, dando así visos de legalidade ás accións criminais de espolio amparadas polo réxime franquista". Así, insistiu en que esta situación supón "facilitar un novo saqueo legalizado no patrimonio histórico, cultural e artístico do pobo galego". Entre os bens que se atopan no Pazo mencionou as torres desmontadas do pazo de Dodro, escudos nobiliarios, a biblioteca de Emilia Pardo Bazán e dúas esculturas atribuídas ao Mestre Mateo.

MEDIDAS LEGAIS

Neste contexto, remarcou que "hai medidas legais que poden adoptarse de forma urxente para evitar que os Franco leven o patrimonio de Meirás". Neste sentido, indicou que "cabe a posibilidade de recorrer a resolución e tamén facer as alegacións pertinentes na solicitude presentada pola familia do ditador". Ademais, sinalou que "cabe empregar tamén a protección que outorga a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás". "Esta afecta o conxunto do Pazo, non só da edificación; trátase dun conxunto patrimonial que non pode ser alterado", insistiu.

Igualmente, comentou que a Avogacía do Estado "pode solicitar un incidente para aclarar a extensión da execución provisional da sentenza que concede a titularidade do Pazo ao Estado". Finalmente, chamou ao Goberno a que, "de forma simultánea a todo o anterior", interpoña "unha nova demanda para reclamar a titularidade dos bens" e inste "á adopción dunha medida cautelar para garantir que os herdeiros do ditador non poidan levar ningún ben de titularidade pública do Pazo".

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado | Fonte: M.Dylan - Europa Press.

BUGALLO SOBRE AS ESTATUAS DO MESTRE MATEO

Doutra banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou este luns que confía en que a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das estatuas do Pórtico do Mestre Mateo, "garanta que non saian de Galicia e que estean a disposición dos xulgados", aínda que, lembrou, existen sentenzas que "outorgan a propiedade á familia Franco". Bugallo quixo referirse á petición formulada pola familia Franco para a retirada de mobles e aveños do Pazo de Meirás, un emprazamento no que se atopan tamén estas estatuas que reclama o Concello compostelán.

Así, afirmou que o consistorio está "en coordinación" coa Consellería de Cultura, aínda que "nun escenario moi difícil", xa que "é un tema no que hai unha vontade política absoluta", pero a decisión está "en mans da xustiza". Nestes momentos, dixo, o "amparo" que teñen tanto as estatuas do Pórtico como a biblioteca de Pardo Bazán é a súa declaración como BIC por parte da Xunta, o que "garante" que os Franco "teñen que pedir permiso á comunidade autónoma para o seu traslado" e que esta ten "tres meses para resolver". "Polo que sei, ese permiso aínda non foi solicitado", dixo o alcalde compostelán, que se mostrou seguro, no entanto, de que, sexa cal for a resolución "non favorable para os Franco", será "recorrida ante os tribunais".

Aínda que o concello busca na comisión conxunta con Xunta e Estado como "reabrir o procedemento xudicial", Sánchez Bugallo lembrou que "hai sentenzas que lle outorgan esa propiedade á familia Franco". "Por tanto, non nolas podemos saltar, independentemente de que nós non a compartamos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta