GC Aberto

Un amor, de novela e pandemia

Por admin | GCAberto | 04/05/2021

Comparte esta noticia

Estes días a India padece os efectos da pandemia; as imaxes que nos chegan son terribles, razón bastante para mobilizar os gobernos e sociedades do primeiro mundo nun afán colaborador. Mais non é así, precísase dunha razón utilitaria, de saber que imos gañar ou que podemos perder se non axudamos; o temor a que colapse o principal país fabricante de vacinas, coas consecuencias negativas que tería para nosoutros, xa motiva, urxe e xustifica o nomeado auxilio. Na miña humilde opinión, este feito convida a reflexionar; hai un problema de comunicación moi evidente, unha carencia de diálogo intercultural e unha deshumanización da sociedade, entregada ó consumo e ós bens materiais como único e imprescindible deus todopoderoso. A economía é importante, pero a vida é o valor supremo, por humilde que sexa quen desfruta e por veces adoece dela.

Unha muller cruza a Rúa Cabaleiros de Santiago, principal viaria da localidade en Paraleda. Carlos Castro - Europa Press
Unha muller cruza a Rúa Cabaleiros de Santiago, principal viaria da localidade en Paraleda. Carlos Castro - Europa Press

Nada parece ter que ver con isto o último libro que lin. Un amor é unha historia na que a protagonista busca un lugar no que acollerse tras da necesidade de fuxir; os impedimentos son basicamente dous: os problemas de comunicación cando chegas a un sitio novo, neste caso pequeno, en intersección coa tendencia a repregarse con receo, o grupo social no que pretendes entrar. Seguro que Sara Mesa, a autora, non pensou na India, nin, inda así, que puidera existir relación entre o que alí pasa e a súa novela; mais eu cavileino dun xeito instantáneo, como se os problemas de Nat, a protagonista, nun pobo pequecho e os dunha inmensa nación no mundo, foran o mesmo e as causas iguais. Herralde non soubo conservar na súa editorial o legado de Roberto Bolaño, cuxa viúva, moi descontenta, buscou outra opción.; o mesmo Herralde que o descubrira como gran autor, e agora a Sara Mesa:

… prosa sinxela, dunha dificultade extraordinaria; constrúe da nada cotiá unha historia que vai sumando persoas correntes e rutinas tan repetidas, contadas con certa indiferenza e palabras gastadas; así resulta de acolledora e natural esta novela, métenos nun día a día tan aburrido coma o noso. Crea a sensación da existencia, as páxinas pasan como horas e despois días; podes ver e podes escoitar, pero non hai unha voz en off que explique os porqués; deduces que as razóns irán aflorando coa lectura, que poderás comprender que quere cada un e que esconde. Medra a insinuación de que o agochado é un iceberg do que só ves a punta, comezas a sentir como te seduce a intriga; a perplexidade da protagonista contáxiate, a tal punto, que hai algún medo que abesoura en ti, por veces. E prosegue a narración, tan incerta como a propia vida, …

A incerteza, ingrediente co que este virus nos condimenta en exceso, pode resultar insoportable; facendo real aquilo de que a realidade sempre supera á ficción.

Manuel Vázquez, celador de Urxencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta