O concello de San Cibrao das Viñas, sancionado por verteduras de deterxentes ao río

Os danos ocasionados superan os 106.000 € e multa á que debe facer fronte ten un importe de 500.000 €.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Sanción ao Concello de San Cibrao das Viñas polas verteduras ao río Barbaña. Amigos da Terra vén de recibir a proposta de resolución do expediente sancionador contra o concello ourensán polos vertidos realizados no meses de xullo e setembro de 2019 e xaneiro de 2020.

Río Barbaña contaminado
Río Barbaña contaminado | Fonte: Ourense en Común.

A comunicación realizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sinala o “incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertedura outorgada ao superar os limites máximos de emisión do vertido para os parámetros DQO ( demanda química de oxixeno) e deterxentes e as normas de calidade para fosfatos e deterxentes, todo elo causando danos ao dominio público hidráulico”. 

A raíz desta resolución, Amigos da Terra salienta os "danos valorados en 106.251,13 €” como consecuencia destas verteduras contaminantes de deterxentes e unha "indemnización en concepto de multa por importe de 500.000 €".  Dende a asociación tamén sinalan “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, ao que se lle abriron máis de 10 expedientes condenatorios durante os últimos dez anos. Con todo, nesta ocasión concorren as circunstancias agravantes de transcendencia en relación coa seguridade das persoas e bens, dado que a zona onde se produciron as verteduras está protexida.

"Esta teima, reiterada e pertinaz, de infrinxir a legalidade leva ao organismo de conca a impoñer a sanción máxima prevista na lei para este vertido"; sinala no comunicado Amigos da Terra, que considerra este tipo de sancións como "unha parte da educación ambiental necesaria para previr actos contaminantes". Porén, asegura que "será ineficaz" se non se complementan coa "concienciación e sensibilización", algo que, "ata o de agora, non mostran as administracións galegas respecto ao coidado do medio ambiente", expoñen dende Amigos da Terra.

A asociación ecoloxista demanda igualmente a aplicación de outro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións máis alá da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan o medio ambiente. "Está claro que esta depuradora é inútil e debe de ser substituída por unha nova infraestrutura, adecuada ás necesidades presentes e futuras, que garanta o adecuado tratamento das augas residuais antes do seu vertido ao rio Barbaña", sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta