Nunca serei alguén na política...

Sexan, mirando ao mar, benvidos a estas liñas primaverais, nun tempo no que a vida segue a fluír pese a todo. Días de intenso ruído nos medios, de forma moi focalizada na campaña electoral madrileña. E, como sempre, un asco.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 05/05/2021

Comparte esta noticia

Miren, confésolles que nunca serei alguén na política, que por outra parte apaixóname como forma de servizo público. Téñoo asumido e está ben que sexa así. Por que? Porque un ten a idea de que se dirixe á súa comunidade cunhas ideas concretas, que pon en común por se alguén, á vista das mesmas, síntese cómodo apoiándoas. Obviamente, estas non son nunca viaxes en solitario, e é normal que o que un propón vaia sendo matizado polo conxunto das contribucións ao proxecto concreto. Pero matizado, vaites, dentro dunha lóxica concreta. Non para dicir unha cousa, a contraria, a de mais aló e volta a empezar. E exemplos nestes días hai ben concretos de que iso, con frecuencia, está a pasar.

O vicepresidente primeiro do Comité de Acción Política e eurodeputado de Vox, Jorge Buxadé, ofrece unha rolda de prensa tras a celebración do comité. Marta Fernández - Europa Press
O vicepresidente primeiro do Comité de Acción Política e eurodeputado de Vox, Jorge Buxadé, ofrece unha rolda de prensa tras a celebración do comité. Marta Fernández - Europa Press

Facer as cousas ben en termos de honestidade política implica entender que o que un propón ten un teito de cristal. Ben, é así. Xa está. Fóra dramas. Se os demais queren isto para o seu futuro, ben. E se non o queren e prefiren outra cousa, hai que roelo. Un pode pensar que o que pensa é compartido, pero isto pode ser así, ou non. Pero hai tempo que as cousas non van deste modo na práctica xeneralidade do que se move entre as bambolinas partidistas e partidarias. Como nos anuncios de coches máis agresivos, non se fala de propostas ou de forma de entender as cousas. Trasládanse emocións, unicamente, a cambio dos votos e... do poder. E, por suposto, tales emocións cámbianse a golpe de “demoscopia”, segundo latexe o pulso das enquisas. De feito, hoxe son profesionais do márketing e da comunicación os que trazan as liñas mestras do rumbo de cada quen, e non os ideólogos. E... así nos vai...

Non. Eu non serei xamais alguén na política, porque -como todos, a pesar da banalización e simplificación extremas de hoxe- eu teño ideas complexas, moi difíciles de explicar ás veces, e lles confeso que as miñas gañas de seducir aos demais con elas son bastante contadiñas. Eu buscaría xente coma min, sen máis, que crea nun proxecto inclusivo baseado no benestar e na sostibilidade, que non comunga con rodas de muíño tan clásicas como falaces, e que entende desde hai moito tempo que o eido rural, desde unha óptica moderna e solvente tecnolóxicamente, é o factor diferencial que pode marcar o éxito na nosa terra. Pero sen renunciar ao aprendido durante moito tempo, entendendo que a nosa sociedade ten bímbeos de sobra para non termos que importar modelos baseados na depredación e no "sálvese quen poida", que fan augas polos catro costados. E creo nunha convivencia reforzada, baseada no respecto aos demais, e na capacidade do individuo e do grupo humano para tomar decisións soberanas, sen o secuestro de estruturas decadentes que non deixan de ser unha pantomima de si mesmas.

Pero que ninguén se preocupe. Eu non serei xamais alguén en política, e tampouco lle merco a unha única opción a posesión da verdade absoluta, que non existe. Non me vai falar por falar, ter resposta -normalmente baleira- para todo, e dicir "Diego" onde dixen "digo" sen rubor. Ademais, non creo que o político teña que estar envolto en “glamour”, senón no barro e tinta do traballo diario,  sendo máis gris e pasando moito máis desapercibido do que aquí se pensa. E que o seu traballo ten que ser iso, e non un estrelado de Hollywood, coa súa claque e moita parvada.

Si, nada de reconcos ou reviravoltas para poñerlle doce, suavizar ou ir adaptando as ideas a conveniencia de cada  etapa. Porque cada proposta, cada modelo de sociedade e de país, coas súas luces e sombras, ten o deber de ser coherente, concreta e razoada, alén da frivolidade e do gañar por enriba de calquera cousa. Sei que dicir isto é pecado mortal hoxe en moitos ámbitos da sociedade, e especialmente no eido político, xa que a actual praxe vai por outro lado. Pero a min nunca me importou ser o mais popular ou o “dicharacheiro”, senón procurar tanto un traballo ben feito como a miña necesaria e imprescindible estabilidade emocional e a miña ética. E pretender iso é difícil nestes tempos líquidos e post-modernos. Si, e difícil pensar o que pensas, mantelo, propoñelo sen máis espectáculo, e que alguén estea disposto a construír co teu e co de outros unha suma estable, que non vaia cos ventos do máis vendible en cada momento. Por iso non, definitivamente non serei nunca alguén en política.

A pena é que, mentres os que coleccionamos incertezas e fuximos dos focos sentimos e pensamos así, os que están estragando o país e mesmo a convivencia son os saltimbanquis e paracaidistas (en sentido figurado), moitas veces sen formación nin mínima traxectoria profesional coñecida, que viven exclusivamente destas cousas, e que teñen o estudio da televisión ou o amplificador dos medios da súa corda como aliados para que, falando de cambio, todo siga sen mudar. E, senón, mirade o vergoñento sainete artellado co conto das eleccións na Comunidade de Madrid...

E ti? Serás ti alguén en política? Xa me contarás...


                                            jl_quintela_j@telefonica.net

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado na USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias. Vicepresdiente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs.