A hostalaría galega reclama ampliar a actividade ata a unha da madrugada despois de finalizar o estado de alarma

Considerando que a situación epidemiolóxica en Galicia "é boa", pediron que a Xunta valore a posibilidade de unificar os horarios de peche dos establecementos de hostalaría ás 23,00 horas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, avanzou que o sector trasladará á Xunta a petición de poder prolongar a súa actividade ata a unha da madrugada unha vez decaia o estado de alarma. Pretenden copiar, deste xeito, o exemplo de Asturias, cuxo Goberno xa anunciou que permitirá as actividades hostaleiras ata a unha da madrugada.

En todo caso, e se esta opción non é a elixida, Cheché Real reclamou que, polo menos, "se unifiquen horarios" na hostalaría e se permita o peche ás 23,00 horas de bares e cafetarías, como é o caso xa dos restaurantes.

Real puxo o acento que, co estado de alarma, os hostaleiros estiveron "prexudicados no seu dereito a poder traballar no sector da hostalaría", polo que solicitan que esta situación cambie unha vez que decaia esta medida.

"Tampouco o entendemos (a finalización do estado de alarma) e asústanos un pouco. Se ata agora había unha serie de limitacións tendo en conta a saúde dos cidadáns, tampouco entendemos que agora mesmo, por unha decisión administrativa, por unha cuestión de quitar o estado de alarma, nos poidamos dar bicos e abrazos, porque sabemos que isto podería ter consecuencias sanitarias", avisou. En todo caso, o que expoñen os hostaleiros de Lugo é que se lles saque de "esta incerteza e redefínase a situación despois do estado de alarma, no caso de que o Goberno decida suprimilo".

HARMONIZAR HORARIOS

Tamén a Confederación Galega de Empresarios de Hostalaría e Turismo, integrada por asociacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, trasladou este martes ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa reclamación para ampliar os horarios de apertura de bares e cafetarías.

Considerando que a situación epidemiolóxica na Comunidade de Galicia "é boa", apuntan, reclamaron que a Xunta valore a posibilidade de unificar os horarios de peche dos establecementos de hostalaría ás 23,00 horas, algo que podería ir máis aló unha vez que se desactive o toque de queda.

Varias persoas na terraza dun bar un día antes do peche da hostalaría, en Vigo, Galicia (España), a 26 de xaneiro de 2021. O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da crise sanitaria do coronavirus acordou onte,  luns pechar pe. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar un día antes do peche da hostalaría, en Vigo, Galicia (España), a 26 de xaneiro de 2021. O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da crise sanitaria do coronavirus acordou onte, luns pechar pe. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta