Familiares de usuarios de residencias e traballadores anuncian unha plataforma e mobilizacións

Manteñen unha reunión co BNG na que atoparon "sintonía" en cuestións como a xestión pública directa destes centros e un cambio de modelo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Representantes de familias e traballadores de residencias de maiores trasladaron este mércores as súas demandas ao BNG, formación na que atoparon "sintonía" en cuestións como a xestión pública directa destes centros e un cambio de modelo.

Reunión do BNG con representantes das familias e de traballadores de residencias de maiores
Reunión do BNG con representantes das familias e de traballadores de residencias de maiores | Fonte: Europa Press.

O Bloque quere impulsar tamén un cambio lexislativo para renovar unha lei de residencias "obsoleta" e "superada pola realidade", que levará á constitución dunha plataforma en defensa dos servizos públicos á dependencia e a mobilizacións para facer públicas as reclamacións destes colectivos implicados.

Tras o encontro a tres bandas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeu que os nacionalistas van traballar " sen descanso para que cambiar o actual modelo de residencias". "Vemos como o coidado das persoas maiores oscila entre dous extremos, ou está en mans de empresas controladas por fondos de investimento ou en mans de entidades relixiosas", sinalou a dirixente nacionalista, quen advertiu de que "cos maiores non se pode facer nin lucro nin caridade" e que "o que se necesita é servizo público".

Tras o ocorrido en pandemia, Pontón comprometeu "facer todo o posible para acabar co negocio da vellez", unha petición que marcou tamén as intervencións de Maribel Barreiro, secretaria de Tegra, e Francisco Xosé Bernárdez, presidente da Rede Vellez Digna, quen anunciou a constitución da plataforma.

Pontón resumiu as liñas de traballo en "xestión pública directa" do sete residencias nas cidades que se anunciaron, unha petición que, de feito, se debaterá no pleno da próxima semana. Neste sentido, espera que os populares "recapaciten" e "voten afirmativamente a esta proposta".

Ademais, os nacionalistas reclaman "un cambio de modelo" ante un 85 por cento de prazas "privatizadas". Así, esixe que as prazas que están "privatizadas", unha vez que venzan os contratos, pasen a ser de "xestión directa" da Xunta.

O terceiro aspecto é unha nova lei de residencias, que "aposte polo público, por xestionalas directamente" e que teñan en conta o coidado das persoas maiores como un sistema de pensións. Ademais, defendeu a necesidade de "dignificar as condicións laborais" das traballadoras destes centros, "dignificar" este traballo que "non pode ser mileurista" e "recoñecer" o traballo deste persoal, "devolvéndolles" o esforzo realizado.

"As familias demandamos á administración uns servizos públicos, de xestión pública, alcanzables, variados e de proximidade", sinalou Bernárdez, quen apuntou tamén a relevancia de ter en conta o principio de envellecer en casa e que as residencias sexan un "último recurso, que estea ben dotado".

Destacou a "boa sintonía" coa posición do BNG, formación coa que asegurou que comparten "os mesmos obxectivos" neste ámbito, e rexeitou que se "convertan aos maiores en mercadoría". Neste sentido, avisou de que se chegou a "racanear" nas comidas e aforráronse "en persoal".

Pola súa banda, a representante das traballadoras avisou das condicións laborais "moi duras" que vive o persoal, cun convenio colectivo "precario" e dentro do cal as traballadoras "teñen medo a denunciar porque se xogan o seu posto de traballo". "Levamos anos denunciando a deterioración do servizo", remarcou Maribel Barreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta