Os Franco envían unha empresa de mudanzas a polos bens de Meirás, pero néganlle o acceso

O seu letrado denunciará ante o xulgado o sucedido e ve un posible delito de desobediencia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

Unha empresa de mudanzas contratada pola familia Franco trasladouse este xoves ao pazo de Meirás, despois de que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña lle dese un prazo dun mes para retirar os bens unha vez que a Audiencia coruñesa revogou o depósito temporal dos mesmos a favor do Estado.

Chaves do pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en Sada
Chaves do pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en Sada | Fonte: M.Dylan. POOL - Europa Press.

Con todo, segundo explicou a Europa Press o letrado da familia, Luís Felipe Utrera-Molina, por parte do vixiante de seguridade se lle negou o accceso alegando que non tiñan "autorización para poder entrar".

"Imos denunciar esta circunstancia ante o xulgado", explicou, precisando sobre esta decisión que o que farán é pór en coñecemento estes feitos. E é que esta parte asegurou que os recursos de reposición presentados polo Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa polo prazo para a retirada de bens "non suspende" a resolución xudicial.

O avogado dos Franco expuxo tamén que pediron ao xulgado que reitere o requirimento ao Estado para que se lles permita o acceso coas persoas autorizadas pola familia do ditador, despois de que na dilixencia ditada polo mesmo se requirise ao Estado para que así o fixese.

"Baixo apercibimento de incorrer en desobediencia", engadiu sobre o posible delito no que, ao seu xuízo, podería incorrer a Administración central.

Sobre a presenza da empresa de mudanza e preguntado se a intención era retirar xa nesta xornada bens, Utrera-Molina asegurou que o primeiro é "ver que teñen que levar, calcular os metros cúbicos e os vehículos", dixo sobre o volume dos bens e o transporte necesario.

Respecto do existente no pazo, os Franco xa pediron autorización á Xunta, pola súa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), para quitar as estatuas do Mestre Mateo e tamén a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Mentres, a Avogacía do Estado, no seu recurso de reposición polo prazo para retirar os bens, pediu ao xulgado, entre outras cuestións, que se requira aos Franco para que concreten un plan de actuación, indicando "as concretas persoas, vehículos e empresas que realizarán a retirada para poder adecuar os plans e medidas de seguridade que se estableceron sobre o inmoble".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

"se lles denega.."?