Pontón pídelle a Feijóo que peche Galicia ás comunidades con maior nivel de contaxios

Acúsao de "improvisación" pola xestión legal da fin do estado de alarma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "improvisación" coas normas que rexerán en Galicia a partir do final do estado de alarma, xa que "a poucas horas" de que isto suceda aínda non se coñece a concreción.

En concreto, a preguntas dos xornalistas en rolda de prensa sobre como se articularán ditas normas para as actividades culturais e de lecer, a nacionalista sinalou que "o problema aquí que se está vendo" é que "a poucas horas de que cambien as normas que van rexer" a vida cotiá "vese a improvisación" do Goberno galego.

"A pesar de que hai un mes que (Núñez Feijóo) sabía que se ía a acabar (o estado de alarma), a poucas horas non está publicado o decreto no DOG", criticou. Isto é, ao seu xuízo, "un exemplo máis da improvisación con que actúa o Goberno de Feijóo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este mércores
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este mércores | Fonte: Europa Press

MOBILIDADE ENTRE COMUNIDADES

Pola súa banda, reiterou que en opinión do Bloque "a mobilidade entre comunidades autónomas debería producirse entre as que teñan o mesmo nivel epidemiolóxico", posto que hai zonas con contaxios "moi altos" e isto preocúpalle, xa que, ao permitirse que acudan a Galicia destes lugares, "pode pasar que se bote por terra" o esforzo feito ata agora para conter a pandemia. "Esta é unha medida que o señor Feijóo podería solicitar", subliñou.

En todo caso, e sobre as críticas do líder dos populares galegos ao fin do estado de alarma, Ana Pontón sinalou que xa hai "experiencia" na adopción de medidas sen que este existise. "A Xunta neste momento ten ferramentas para tomar decisións que permitan seguir contendo o virus. Cremos que é importante que non se tire pola borda o esforzo tan importante dos galegos os últimos meses", concluíu Pontón, antes de ver "clave que se acerte" nas medidas que conteña o decreto aínda por publicar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta