Os médicos galegos rebélanse contra o sistema de citas da Xunta: "a paciencia ten un límite"

Defenden que a súa "única responsabilidade" é atender os pacientes, e rexeitan que parte do seu salario dependa do nivel de citas presenciais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Colexios Médicos reprocha á Consellería de Sanidade incluíse este ano como obxectivos o incentivar a redución de demora nas consultas de Atención Primaria e a porcentaxe de consultas presenciais atendidas nun período temporal, á vez que subliñan que os profesionais "non establecen a contía diaria nas súas axendas de citas".

A través dun comunicado, as entidades colexiais galegas explicaron que se "ven na necesidade de realizar varias aclaracións e diferentes consideracións" tras a "polémica xerada" polo establecemento da Consellería de Sanidade duns indicadores dentro do complemento de produtividade variable 2021, ligado á consecución de obxectivos aos médicos de familia e pediatras do nivel da Atención Primaria.

Este complemento, lembra, regulouno o Sergas nunha instrución da Dirección de Recursos Humanos no ano 1996 e "debería ir encamiñado a contribuír á mellora da produtividade, a mellorar a calidade das prestacións, tanto na súa vertente científico/técnica, como na calidade percibida polo usuario, á participación do persoal en mellorar a eficiencia dos servizos e ao aumento da participación dos facultativos na toma de decisións".

"A súa única e exclusiva responsabilidade é a de atender e consultar a todo paciente que necesite atención e na modalidade en que esta sexa precisa: atención presencial e/ou telefónica", defenden e engaden que o fan "na súa inmensa maioría, con gran esforzo, dedicación e profesionalidade, de forma absolutamente independente de que figure e ou non, nos seus obxectivos e complemento de produtividade". "Os médicos temos claro que podemos traballar en calquera empresa ou institución pública, pero que sempre por encima do deber de obediencia a esta, está o noso deber deontolóxico para co noso paciente, o cal deposita en nós a súa confianza", reivindican.

Por iso, consideran que non poden "tolerar" que "se sinale ao colectivo de médicos de familia e pediatras de Atención Primaria como responsables da situación actual da Atención Primaria en Galicia e os defectos que esta presenta". "Levamos anos denunciando a situación de abandono deste nivel de atención, mobilizándonos para que isto mellore, facéndonos visibles á opinión pública para que se nos escoite e vexan a luz unhas presuntas futuras melloras que a Consellería de Sanidade nunca pon en marcha nin impulsa", lamentan.

Centro de saúde / Europa Press.  / Europa Press
Centro de saúde / Europa Press. / Europa Press

"A PACIENCIA TEN UN LÍMITE"


Fronte a iso, lembran que os médicos galegos propoñen "redimensionar as cotas medias de pacientes asignados a médicos de familia e pediatras" porque, explican, "o seu tamaño debe permitir dedicar a cada paciente o tempo que este precise, sen danar a saúde do mesmo, nin pór en risco a saúde do médico". Piden, ademais, "atención resolutiva, ofrecendo a todos os médicos e pediatras de Atención Primaria, un catálogo idéntico de probas diagnósticas complementarias a realizar no ámbito hospitalario en todas as áreas sanitarias de Galicia".

Finalmente, insisten en que "sempre" mostraron " unha actitude de colaboración". "E seguímola mostrando coa Consellería, pero ben é certo que a paciencia ten un límite e, sobre todo, lembrámoslle que nos debemos aos nosos colexiados e deontológicamente, á poboación en xeral, antes que a ningunha outra entidade ou institución", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta