Convocados cribados no porto de Vigo, A Laracha, Ames e Chantada

No de Padrón participou na primeira xornada un 74,5 por cento dos convocados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2021 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prosegue coa convocatoria de cribados para detectar casos de Covid-19 con novas probas en zonas como o porto de Vigo e os concellos da Laracha e Ames, na provincia da Coruña, así como no de Chantada, na de Lugo.

Cribado
Cribado | Fonte: Concello de Abegondo.

En concreto, este sábado e domingo a área Sanitaria da Coruña e Cee programou no concello da Laracha un cribado poboacional mediante test PCR aos veciños de entre 20 e 59 anos. As probas, ás que están citadas unhas 4.850 persoas aproximadamente, terán lugar no Centro de Saúde da Laracha en horario de 9,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas.

Así mesmo, este fin de semana foi convocado un cribado en Chantada cunhas 1.400 persoas de entre 20 e 70 anos con proba PCR que se realizarán no recinto do mercado gandeiro entre as 9,00 e últimas hora da tarde, informou o xerente desta área sanitaria, Ramón Ares Rico.

Ademais, indicou que a este cribado poboacional se sumarán 400 persoas que traballan en establecementos de hostalaría e de contacto co público. Para realizar as probas desprazaranse equipos desde o Hospital de Monforte e do HULA.

Así mesmo, o Sergas realizará este sábado e domingo no centro de saúde de Milladoiro, no concello de Ames, un cribado a persoas de 41 a 50 anos tras rexistrarse un incremento de casos nos últimos días. Actualmente o número de casos activos por Covid-19 en Ames é de 44 e a incidencia acumulada a sete días ascende a 72 casos e a 14 días é de 86.

Pola súa banda, o vindeiro luns, día 10, a área de Vigo realizará un cribado no porto da cidade olívica ao que serán convocados 1.300 traballadores das empresas portuarias a unha PCR no edificio do Mercado do Porto, ao que se desprazarán varios equipos de profesionais sanitarios en xornada de mañá.

Por outra banda, a área de Santiago e Barbanza informou que no cribado iniciado o pasado día 6 de maio, que prosegue este venres, no centro de saúde de Padrón --que entra en restricións máximas este domingo e terá por tanto peche perimetral-- participou na primeira xornada un 74,5 por cento das persoas de 50 e 70 anos convocadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta