A mostra sobre 'Alfonso X e Galicia' que se exhibe en Ourense destaca a pegada do monarca na cultura galega

O presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, subliñou que Alfonso X "levou á maior cualificación á lingua galega tanto na lírica profana como na relixiosa durante a Idade Media".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

O Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, acolle desde este venres a exposición 'Alfonso X e Galicia', que percorre a vida e obra do monarca a través de documentos literarios e musicais que mostran a súa pegada coa cultura galega medieval.

Na inauguración da mostra, organizada polo Consello da Cultura, o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, destacou que "é un percorrido polo inxente traballo do Rei Sabio no seu 800 aniversario que permite comprobar o seu legado desde a perspectiva ourensá".

Baltar subliñou que Alfonso X "levou á maior cualificación á lingua galega tanto na lírica profana como na relixiosa durante a Idade Media, e contemplou o plurilingüismo como un elemento esencial da cultura". "Hoxe temos a oportunidade de seguir conmemorando o seu gran traballo", celebrou.

Por todo iso, felicitou o labor dos comisarios presentes no acto, Antoni Rosell e Alfonso Vázquez, sobre os que afirmou que complementaron "" a "visión ourensá" cunha selección documental, "unha edición facsímile do 1979 correspondente ao tomo primeiro da 'Cantiga Un' das 'Cantigas de Santa María', procedente da biblioteca de San Lorenzo del Escorial".

Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, trasladou que é unha ocasión "excepcional" para organizar esta mostra "por ser un ano santo", o que "lembra o vínculo especial que tivo Galicia con Europa e o mundo a través do Camiño de Santiago".

Ademais, puxo en valor que se lembra a un Rei que foi impulsor das linguas romances fronte ao latín" e cuxa obra, 'Cantigas de Santa María', é "un monumento á literatura universal".

"CONEXIÓN" CON OURENSE

Pola súa banda, os comisarios afirmaron que "en algunhas" das incorporacións á exposición, como o catro códices das 'Cantigas de Santa María' que posúe a biblioteca da Deputación, pódese "apreciar a importancia que o rei e a súa familia tiveron en terras ourensás".

Así, destacaron que, a mostra que permanecerá aberta ata mediados de agosto, chega a Ourense "enriquecida con materiais que permiten pór de relevo a conexión do Rei Sabio coa provincia". Entre eles, o 'Tombo das Viñas de Ribadavia', un pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense, que se exhibe por primeira vez e "está considerado como un dos primeiros documentos escritos en galego".

A mostra divídese en cinco bloques temáticos: dimensión humana do rei, percorrido pola vida e conflitos persoais, o seu labor científico, histórica e cultural, unha área musical con instrumentos medievais, un espazo central para as 'Cantigas de Santa María' e unha zona onde se ilustra a sociedade medieval.

PRÓXIMA MEDALLA DE OURO

Aproveitando a inauguración da exposición, o presidente provincial, Manuel Baltar, avanzou que se iniciará o expediente para concederlle a medalla de ouro da provincia a José Paz, o profesor ourensán que consagrou a súa vida ao estudo da vida e obradel Premio Nobel de Literatura Rabindranath Tagore.

"Tiñamos grandes proxectos que levaremos adiante a pesar da súa desaparición física", destacou Baltar en referencia á doazón prometida polo profesor, a súa biblioteca con 30.000 volumes dedicados ao escritor bengalí.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. María Teresa Joga. XUNTA
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. María Teresa Joga. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta