As auxiliares de Navantia Ferrol non terán ocupación ata o 2023, segundo o vicepresidente Francisco Conde

Acusou ao Goberno central "pola inacción e o incumprimento do compromiso de dotar de carga de traballo cun buque de aprovisionamento loxístico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que "o sector produtivo de Ferrolterra está a deteriorarse, estase desangrando", en alusión ao sector naval, e alertou de que non haberá ocupación para as auxiliares en Navantia Ferrol ata o ano 2023.

Da situación do naval acusou ao Goberno central "pola inacción e o incumprimento do compromiso de dotar de carga de traballo cun buque de aprovisionamento loxístico (BAC), que non se está producindo e condenando a esta comarca a non ter carga de traballo a través da industria auxiliar ata o ano 2023", xa que o inicio das fragatas F-110 está programado para o verán de 2022.

Estas manifestacións realizounas Conde na mañá deste luns, 10 de maio, nas instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS Galicia), situadas en Ferrol, onde se entrevistou con responsables deste centro tecnolóxico e da Universidade da Coruña (UDC), para darlles a coñecer o Pacto de Estado por Ferrol que propón activar a Xunta para reverter a situación industrial e de desemprego que están a atravesar as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

MODERNIZACIÓN

"Agardamos que o Goberno central se comprometa con esta comarca a través do Pacto de Estado, coa dotación de carga de traballo para Navantia, para realizar os investimentos comprometidos para o dique seco e así converter estas instalacións nun estaleiro 4.0 para poder afrontar a construción das fragatas con competitividade e poder acceder a licitacións internacionais sabendo que temos unha instalación competitiva", trasladou en declaracións aos medios de comunicación.

O integrante do Executivo galego tamén destacou que "esta mesma semana a Xunta vai enviar o documento basee que recolle este pacto" ao Goberno de España, á Deputación da Coruña e aos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, para que "poida ser ratificado e asinado para a súa posta en marcha canto antes".

No que se refire a as instalacións do CIS da Cabana destacou que "este centro de I+D+i debe ser un punto de encontro dos sectores produtivos", ao aproveitar a presenza de entidades como Asime, os clústers do naval, Aclunaga, e das enerxías renovables, Cluergal, ademais do Centro de excelencia do sector naval (Cesena), que crearán Navantia e Siemens.

POLO ENERXÉTICO E EÓLICA MARIÑA

Así mesmo, Francisco Conde detallou que a Xunta propón para este territorio converterse nun "polo enerxético", coa utilización de biocombustibles, hidróxeno verde e gas natural licuado (GNL), así como a creación de Hub de eólica offshore, grazas en parte á experiencia xa acumulada nos últimos anos por Navantia e Windar, nas instalacións da antiga Astano, coa construción de jackets como estruturas flotantes, e que pode servir para captar "novos proxectos e a capacidade de atraer novos investimentos", abundou.

O titular de Economía mostrouse partidario de avaliar co Goberno central as posibilidades que ten Galicia de desenvolver proxectos de xeración eléctrica a través da eólica mariña, para o que considerou que "a elaboración da planificación da ordenación marítima pode ser unha oportunidade para Galicia". Desta maneira ábrese a estudar a posible instalación de parques eólicos no mar, nas proximidades das costas.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, nun encontro celebrado no CIS da Cabana.. XUNTA
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, nun encontro celebrado no CIS da Cabana.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta