O PPdeG di que renunciará ás competencias de tráfico "se non se garante a presenza da Garda Civil en Galicia"

A Asociación Pro Guadia Civil (Aprogc) asegura que é unha "falta de respecto" a todos os axentes a proposición de lei aprobada na Cámara galega

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, explicou que o seu partido renunciará á reivindicación das competencias de tráfico "se non é posible garantir a presenza da Garda Civil en Galicia".

Así o destacou nun comunicado remitido aos medios este luns, xornada na que se reuniu con representantes de 10 colectivos da Garda Civil, un encontro no que tamén participaron as portavoces de Interior do PPdeG no Parlamento, Paula Prado, e Congreso, Ana Vázquez.

Tellado lembrou que a reivindicación das competencias administrativas en materia de tráfico, que a súa formación facilitou volver trasladar coa súa abstención no pasado pleno, é unha "vella reclamación de todos os partidos da Cámara galega". "Unha competencia para a que nos faculta a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia", asegurou aínda que aclarou que "agora non é o momento".

"Pero esta demanda administrativa non ten nada que ver con expulsar á Garda Civil das nosas estradas", asegurou o secretario xeral, que acusou a outros partidos con "intereses electorais en Madrid" de "desinformar" sobre esta cuestión.

Así, dixo que o PPdeG non está disposto a sumir as competencias de tráfico se iso supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil". "Non hai nada peor que a desinformación interesada para xerar unha situación de desconfianza", censurou Tellado, que incidiu que a súa formación quere "máis Garda Civil en Galicia", "nunca menos".

Tamén se pronunciou sobre este asunto o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen asegurou que o seu grupo é partidario de solicitar aquelas competencias que considere que "poden ser exercidas con maior eficacia" desde a Comunidade pola súa "proximidade ao territorio".

CRÍTICAS DUNHA DAS ENTIDADES

Pola súa banda, tras o encontro, a Asociación Pro Guardia Civil (Aprogc) remitiu un comunicado aos medios no que tachan de "falta de respecto" e de "consideración" a todos os axentes a proposición de lei aprobada cos votos a favor do BNG e PSdeG e a abstención do PPdeG na Cámara galega.

"Apoiala directa ou indirectamente é unha falta de respecto a todos os cidadáns, pois é unha proposta cun baleiro e falta de fundamentación enorme", sinala a entidade, que cuestione que Galicia necesite "un modelo policial que será moito máis caro" e "menos eficaz".

Deputados do PPdeG reúnense con representantes de asociacións da Garda Civil. PPDEG
Deputados do PPdeG reúnense con representantes de asociacións da Garda Civil. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta