Liberar as patentes das vacinas COVID; renunciarán as farmacéuticas ao beneficio para salvar máis vidas?

A iniciativa #Right2Cure (dereito a curarse) busca sinaturas para que se liberen as patentes de vacinas contra a COVID. O motivo é que mentres as farmacéuticas reteñan as fórmulas dos seus produtos, será imposible inmunizar a toda a poboación mundial en menos de dez anos. As consecuencias serían a repetición de gromos con virus cada vez máis resistentes. A base en que se fundamenta esta petición é o enorme investimento da UE con diñeiro público que foi parar aos laboratorios.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A web do Goberno central sobre a COVID di nunha soa frase: “As vacinas e a vacinación son gratuitas para toda a cidadanía”. A universalidade do sistema sanitario en Galicia e no resto do Estado. E con todo, os gobernos da UE tiveron que achegar millóns de euros dentro do plan Estratexias de Vacinas da UE. Membros das comunidades científica e médica, así como políticos e voces vinculadas ao terceiro sector, acusaron de “escurantismo” a maneira en que Europa e os laboratorios chegaban a acordos para creación de fórmulas contra a pandemia. Canto leva investido a UE? Non se sabe.

Vacina de Janssen contra a COVID-19 dunha soa dose
Vacina de Janssen contra a COVID-19 dunha soa dose | Fonte: JANSSEN - Europa Press - Arquivo.

PREZOS DO INVESTIMENTO

O avance imparable da COVID fixo actuar ás autoridades europeas con celeridade ante un colapso sanitario que finalmente se materializou. As negociacións foron con varios laboratorios, en principio seis, mais o que non transcendía era o custo para as arcas da Unión e para a súa cidadanía. Por que o segredo? “O poder dos lobbies farmacéuticos que están detrás dos laboratorios, así como os fondos de investimento que tamén participan, impoñen condicións que á UE non lle interesa dar a coñecer” di Manuel Martín de SOS Sanidade Pública e da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

O innegable para moitas voces críticas é que o investimento público é moi superior ao realizado polos mesmos laboratorios e por parte de entidades teoricamente sen ánimo de lucro. “Por poñer un exemplo, Bill Gates (antigo dono de MicroSoft) aporta unha grande cantidade de diñeiro á Organización Mundial da Saúde (OMS)” di Manuel Martín. “Gates ten investido diñeiro no accionariado dos principais laboratorios farmacéuticos” e isto fai que só esta persoa poda imprimir unha folla de ruta en canto fabricación e venda de vacinas.

Aínda así, o 17 de decembro de 2020, a ministra belga Eva de Bleeker publicaba en Twitter unha lista cos prezos por dose de cada unha das vacinas. En apenas minutos viralizouse este contido e a propia de Bleeker borrou este tuit asegurando que se excedera en transparencia. Mais o dano estaba feito e a información servida pola ministra foi noticia nos grandes medios. A listaxe é a que segue, aínda que tamén se pode ver o tuit neste enlace.

Logo de Pfizer no edificio dos laboratorios da marca en Madrid (España), a 2020.. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo
Logo de Pfizer no edificio dos laboratorios da marca en Madrid (España), a 2020.. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo

   AstraZeneca: 1,78 euros cada dose.
    J&J: 8,5 dólares cada dose (6,99 euros).
   Sanofi/GSK: 7,56 euros cada dose.
   Pfizer/BioNTech: 12 euros cada dose.
   Curevac: 10 euros cada dose.
    Moderna: 18 euros cada dose (14,8 euros).

Os beneficios para as farmacéuticas foron “redondos”, segundo as organizacións a favor da liberalización das patentes. Hai quen fala de 21.000 millóns de euros só para Pfizer. Mais hai que insistir en que ningunha empresa dará a coñecer libremente os seus beneficios nin a UE os seus investimentos.

DEREITO A CURAR

O maior produtor mundial de vacinas é India e, aínda así, as últimas cifras falan de 300.000 mortes ou máis, por COVID. India ten laboratorios que poden fabricar por si mesmos vacinas contra o coronaviruso porque tamén teñen coñecementos para facelo. Outros países como Sudáfrica ou Brasil tamén teñen a posibilidade de crear vacinas de seu. Por que non o fan?

“É unha cuestión de vontade política” di Manuel Martín. Esa vontade política é a que pode estar detrás de que estados como Israel, tamén con capacidade abondo para crear os seus propios reservorios anti-coronavirus, “transmitisen historiais clínicos de persoas aos laboratorios e en Galicia os estudos sobre efectos adversos van parar tamén aos laboratorios” di María Xosé Abuín de CIG-Sanidade. Ademais de diñeiro público, os historiais médicos de cada persoa pasan a mans privadas segundo estas declaracións.

Ante este panorama, naceu a iniciativa #Right2Cure (right to cure: dereito a curar) onde se xuntan numerosas entidades civís para reclamar á UE o acceso universal ás vacinas. En Galicia presentouse mediante unha convocatoria de SOS Sanidade Pública o 5 de maio. Para chegar ao seu obxectivo, esta plataforma de máis de 200 colectivos civís, ten que chegar a un millón de sinaturas antes de maio de 2022. Todo para procurar a liberación das patentes, “algo que é un desafío importante” sinala Yolanda Gil da Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios-CCOO. 

“Pedimos ademais que se compartan as tecnoloxías e recursos entre os países e que non fiquen en mans privadas” di Gil. Por suposto que reclaman a transparencia sobre os custos das vacinas e do diñeiro público investido e cales son os resultado. Preguntada sobre se se esixiría ás farmacéuticas un retorno de beneficios á UE despois dos investimentos que fixo en laboratorios privados Gil contesta que “non está dentro dos puntos da plataforma, mais si que haxa control público, iso debe traducirse en que todos teñamos dereito ao acceso libre ás vacinas, que non quede en mans privadas”.

Desde a AGDSP, Manuel Martín declara que “os estados e mesmo a OMS teñen lexislacións para liberar patentes, mais os lobbies presionan moi duro para que isto non suceda”. A non liberación de fórmulas e patentes segundo Martín pode traer “máis episodios de covid, repetíndose nun bucle e as farmacéuticas non deixarán de gañar diñeiro mentres poidan”.

A liberación das patentes de vacinas anti-COVID é unha petición que ten por obxectivo “facilitar” a chegada destes remedios a toda a colectividade. Esta liberación suporía non pagar unha serie de taxas, facturas, apertura de expedientes sanitarios personais para uso privado. As ideas detrás desta iniciativa poderían cambiar as regras do xogo se chegan á UE?

Unha profesional sanitaria inocula unha vacina do Covid-19 desenvolvida por AstraZeneca no marco da proba piloto de vacinación masiva desde o recinto de Fira Barcelona. DAVID ZORRAKINO
Unha profesional sanitaria inocula unha vacina do Covid-19 desenvolvida por AstraZeneca no marco da proba piloto de vacinación masiva desde o recinto de Fira Barcelona. DAVID ZORRAKINO | Fonte: EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta