Mortes en residencias: “as cifras da Xunta non son reais”

Familiares e traballadores aseguran que o rexistro do Sergas deixou polo camiño moitos falecidos con covid, algúns por falta de medios e outros de xeito intencionado. “Morrían tres anciáns e ao día seguinte non aparecían no rexistro da Xunta”, apuntan dende TEGRA. Sanidade e DomusVi negan que se ocultaran datos.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Foi Pedro Puy quen deu a noticia. O pasado 22 de setembro o PPdeG anunciou que votaría en contra de analizar a xestión das residencias na pandemia cunha comisión parlamentaria para depurar responsabilidades. O voceiro argumentou que o caso galego non “destacaba” polo número de mortes, a pesar de que o 44% dos falecidos na primeira vaga eran internos destes centros. Tamén este martes o PP votaba en contra de dar os datos desagregados das mortes en residencias.

Profesional sanitario ante unha residencia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Profesional sanitario ante unha residencia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

 

O ‘non’ do PP chegaba despois de meses de mobilizacións de traballadores e familiares e, tamén, unha vez as eleccións do 12X coroaron de novo a Feijóo cunha cuarta maioría absoluta. Aínda así, o líder ‘popular’ preferiu delegar o mal trago no seu voceiro parlamentario, e dar á fin carpetazo a un mal episodio que ameazaba con salpicar a súa imaxe de xestor eficiente

 

Camiño de cumprir un ano da fin da primeira vaga, son moitas as incógnitas que penden sobre as residencias galegas. A primeira e principal é, claro, o número de mortes. Os últimos rexistros do Sergas cifran en 355 os anciáns falecidos en residencias, aos que habería que sumar outros 435 que faleceron en “hospitais e residencias integradas”, segundo a páxina. Porén, fontes do sector apuntan que a conta real podería estar moi por riba da oficial.

 

MAQUILLAR AS CIFRAS

 

“A día de hoxe aínda non se sabe exactamente canta xente morreu”. O disparo é de Pepe Bernárdez, Presidente de Vellez Digna, unha das plataformas máis implicadas no exame da xestión das residencias dende os primeiros compases da pandemia. A outra pata do movemento asociativo corre ao cargo de TREGA, asociación que reúne os traballadores de centros de maiores. Sonia Jalda, a súa presidenta, exprésase nos mesmos termos: “nin dicían cantos morreron nin o din agora. As cifras da Xunta non son reais”.

 

Dende a crise económica de 2008, ningunha outra treboada puxo tan a proba ás administracións pública como a pandemia de covid. Conscientes de que as cifras de incidencia podían marcar, á longa, os números das urnas, os diferentes gobernos do Estado procederon a tentar maquillar as contas da pandemia para ofrecer unha imaxe que non sempre se correspondía coa realidade.

 

Tal foi o caso da decisión do Ministerio de Sanidad de non dar cifras de contaxios e falecidos nas fins de semana, ou a redución de PCRs practicada pola Xunta de Galicia ao remate da Semana Santa, cando os contaxios comezaban a repuntar. Porque se non se fan tests non hai casos. Meses atrás, traballadores de UCIs de toda a Comunidade denunciaron que o Sergas empregaba un mecanismo similar para ocultar o número real de positivos ingresados nas unidades de críticos galegas. Nalgúns casos, a conta dos sanitarios duplicaba a oficial.

 

UNHA “OCULTACIÓN” INTENCIONADA

 

Segundo TEGRA e Vellez Digna, o proceder nas residencias tería resultado paralelo. Ambas asociacións destacan que as cifras de falecidos da Xunta se presentan recortadas, ben pola falta de medios que afectou os centros na primeira vaga ou por manobras conscientes nas que destacan unha connivencia entre as consellerías responsables e as cadeas privadas que xestionan estes centros.

 

As olladas céntranse particularmente en DomusVi. Sonia Jalda, que ata non hai moito exercía nun centro de maiores, lembra con “horror” como esta multinacional “ocultaba información” aos seus propios traballadores. “Escribíache unha compañeira dicindo que faleceran tres, cos seus nomes. E ao día seguinte non constaban na Xunta como mortos por covid”, a pesar de que terían entrado nos prazos do rexistro autonómico, segundo Jara.

 

Esta suposta ocultación da información, que DomusVi nega, tería sido desenvolta

aproveitando o traslado de maiores aos hospitais. A pesar de que estes anciáns se contaxiaban nas residencias, en moitas ocasións polo penoso estado destes centros, ao ser ingresados en hospitais e falecer nestes non eran recollidos como mortes en residencias. Isto levou a que, como explica Pepe Bernárdez, resulte “imposible” coñecer o número exacto de defuntos: “mesturaron os datos e xa non hai maneira de saber cantos morreron”, asegura.

 

O Sergas recolle, no seu rexistro de falecidos, unha categoría para anciáns “vinculados a residencias” pero falecidos en hospitais. Con todo, explican dende TEGRA, este rexistro estaría incompleto, xa que só contabilizaría o caso dos maiores dos chamados ‘centros integrados’, eses que pasaron a ser xestionados directamente polo Sergas no punto máis duro da pandemia. “Nin nas DomusVi nin nas Ballesol se contaron”, destaca a presidenta.

 

GRUPOS DE WHATSAPP

 

Xa nas primeiras semanas de pandemia, cando xerminaron as sospeitas de que as cifras da Xunta non eran limpas, os traballadores de residencias comezaron a levar o seu propio reconto apoiándose nos grupos de Whastapp que mantiñan. O resultado foi unha dobre contabilidade que non tardou en camiños diverxentes.

 

GC: - E non se correspondía co que dicía o Sergas?

 

Jalda: - Que va, nin cor! Eran bastantes menos. En Aldán penso que contan arredor de 20

cando en realidade faleceron 38.

 

A outra fenda nos números da Xunta viría arrastrada dos compases iniciais da primeira vaga. Por aquel entón, a escaseza de PCRs levou a que moitos anciáns faleceran sen ser rexistrados como mortos covid, de acordo coas mesmas fontes. Novamente, e ante o baleiro da administración, foron os traballadores os encargados de deixar rexistro: “Nós si que contabilizamos”, relata Jalda. “As enfermeiras que estaban alí [na DomusVi Aldán] dicían que era un horror, que nin sequera lle contaban a elas que estaba pasando”. O silencio perdura. 

 

SERGAS E DOMUSVI

 

Galicia Confidencial contactou coa Consellería de Sanidade e o grupo de residencias DomusVi para coñecer a súa versión a respecto das denuncias formuladas por TREGA e Vellez Digna. A multinacional sinala que “non houbo ocultación de ningún dato”, xa que estes “se trasladaban directamente ás Autoridades Sanitarias tal e como recollen os protocolos de Saúde Pública”. O Sergas, por outro lado, defende a "precisión" do seu reconto, á par que recoñece que os usuarios falecidos en hospitais non foron cuantificados como mortes adscritas ás residencias. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta