A Xunta afirma que as traballadoras non lle pediron mediar no conflito da limpeza

O BNG acusa á Administración de impor servizos mínimos "abusivos" que "torpedean" o dereito á folga

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/05/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Xunta asegura que non recibiu a petición formal das traballadoras do sector da limpeza para exercer tarefas de mediación no conflito pola renovación do convenio laboral na provincia da Coruña. Así o indicou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, en resposta a unha pregunta formulada durante o pleno celebrado este mércores no Parlamento galego pola deputada do BNG Olalla Rodil.

Manifestación das traballadoras da limpeza en folga.
Manifestación das traballadoras da limpeza en folga.

A parlamentaria nacionalista cualificou de "moito máis que un conflito" a situación que levou á folga ás traballadoras da limpeza pois, para Rodil, trátase dunha "loita" contra "aqueles que entenden que o salario das mulleres é un complemento" nas economías dos fogares.

Rodil lembrou que a Xunta é "un dos principais clientes" das multinacionais que desenvolven os contratos destes servizos "e que teñen ás mulleres en xornadas con baixos salarios que apenas superan o SMI".

Fronte a isto, Lorenzana remarcou que a Administración ten o seu propio convenio para os servizos de limpeza, un marco laboral que "non ten nada que ver" co xeneral na provincia da Coruña, con salarios base "un 10,3% máis" altos.

Así mesmo, puxo o acento en que o Goberno galego está "a disposición" das partes para mediar no conflito laboral, pero "a día de hoxe" non foi solicitada "ningunha intervención" á consellería ou ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Na súa quenda de réplica, a deputada do BNG acusou á Xunta de establecer uns servizos mínimos "abusivos" que "torpedean" o exercicio do dereito a folga das traballadoras de limpeza que desempeñan as súas tarefas nos servizos dependentes da Xunta.

Sobre este asunto, María Jesús Lorenzana asegurou que o marco de servizos mínimos pode ser impugando e que, neste caso, os representantes dos traballadores non presentaron recurso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta