Os críticos alegan falta de "democracia interna" para abandonar o partido de Jácome

Formalizaron a súa renuncia cun escrito no consistorio e o seu pase ao grupo non adscrito.

Por E.P. | Ourense | 13/05/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

Os críticos de Democracia Ourensana alegaron falta de "democracia interna" para abandonar o partido e pasarse ao grupo non adscrito. En concreto, os tres concelleiros díscolos que seguían en Democracia Ourensana, María Teresa Rodríguez María Dibuja e Miguel Caride, presentaron un escrito por rexistro no Concello de Ourense no que informan da súa decisión.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Concello de Ourense.

Súmanse así ao que era o seu compañeiro de grupo, Manuel Álvarez, quen fora expulsado da formación hai meses, do mesmo xeito que eles pero no seu caso recorreron no xulgado e consiguieron a readmisión cautelar mentres se resolvía a cuestión.

Os catro romperan o compromiso con Gonzalo Pérez Jácome durante o mes de agosto do pasado 2020 despois de acusalo de "irregularidades económicas na xestión do partido", unha acusación coa que o Partido Popular, con quen co-gobernaba DO, tamén decidiu romper a coalición e retirarse do grupo de goberno.

Dibuja, Caride e Rodríguez afirmaron que tomaron a decisión "porque non existe democracia interna no seo do grupo municipal, todas as decisións tómaas unilateralmente o alcalde sen atender a ningunha outra razón que non sexa a súa propia vontade", segundo recolle o escrito.

Ademais, Miguel Caride presentou tamén o escrito na Deputación Provincial, onde abandona o grupo de Democracia Ourensana para pasar ao grupo de non adscritos, quedando así o primeiro representado unicamente por Armando Ojea.

Os críticos esgrimen que non poden seguir formando parte de DO por ser "unhas siglas que hoxe representan todo o negativo da cidade". "Entre outros despropósitos, a destrutiva política cultural e educativa, a ruína do termalismo, o malgasto de diñeiro público, o enfrontamento co funcionariado" ou o "non saber nada" da PXOM.

No mesmo escrito aseveran que se lles "vendeu" un "proxecto municipalista centrado en Ourense sen cargas ideolóxicas" co que hoxe senten "defraudados". Así criticaron a situación municipal sinalando ao Partido Socialista e ao Partido Popular.

"Asistimos atónitos ao espectáculo de xogo político que impide que os grandes partidos,que son os que teñen a solución nas súas mans, sexan incapaces de resolver a extravagante situación que supón que a terceira cidade de Galicia estea gobernada por tres persoas incapaces materialmente de exercer a dirección política necesaria para atender todos os problemas, retos e necesidades dun concello como o noso", indican.

Por todo iso aseguran que chegaron a pensar na dimisión pero optaron por ser non adscritos porque consideran que é "a forma de defender o proxecto político no que nos embarcamos e polo cal a cidadanía nos votou".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta