Os contaxiados valoran peor a xestión da pandemia

Unha enquisa realizada en todas as autonomías revela que a comunicación, información, preparación para a pandemia e protección de grupos vulnerables son os aspectos que peor valoran os cidadáns sobre as medidas adoptadas polo Goberno central.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cal é a percepción dos cidadáns sobre a xestión da pandemia por parte do Goberno de España? Un novo estudo mostra que no grupo de persoas que se contaxiaron coa covid-19 a valoración é peor, principalmente sobre a comunicación, información, preparación para a pandemia e protección de grupos vulnerables.

Dispositivo de cribado masivo
Dispositivo de cribado masivo | Fonte: Europa Press.

Os resultados do estudo, coordinado polo Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal), veñen de ser publicados na revista científica internacional European  Journal of  Public Health. Nel, os investigadores analizaron, a partir de variables individuais e sociodemográficas, a percepción pública das principais medidas de control implementadas durante a primeira onda en España.

O estudo baséase nunha enquisa realizada no mes de xuño de 2020 a unha mostra representativa de 748 persoas de todas as comunidades autónomas, ás que se lles preguntou por dez aspectos claves. As temáticas destas preguntas abarcaban o apoio socioeconómico recibido, os servizos de saúde pública e mental, a información, a comunicación e a coordinación das medidas de control implementadas polas administracións. Posteriormente, os autores examinaron as respostas obtidas por xénero, idade, nivel educativo, ser contaxiado pola covid-19 ou non, e pola confianza nas administracións.

“O que atopamos é que determinadas características individuais ou sociodemográficas asócianse a unha percepción máis positiva ou negativa de determinadas medidas de control”, afirmou Jeffrey Lazarus, investigador de ISGlobal e coordinador do estudo.

Os entrevistados, en xeral, valoraron mellor a cooperación do Goberno con outros países e socios internacionais, mentres que a resposta do Executivo para proporcionar acceso gratuíto e fiable ás probas covid-19 foi o peor valorado.

Veciños de Ourense camiñan por unha das rúas do barrio do Couto o mesmo día no que prohibiron as reunións entre non conviventes ante o aumento de contaxios de Covid-1, a 3 de outubro de 2020
Veciños de Ourense camiñan por unha das rúas do barrio do Couto o mesmo día no que prohibiron as reunións entre non conviventes ante o aumento de contaxios de Covid-1, a 3 de outubro de 2020 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así, as persoas que mostran unha maior confianza nas administracións valoran mellor as medidas implementadas, sobre todo nos aspectos relacionados coa información, o equipo de preparación á pandemia e o acceso a probas diagnósticas.

Pola contra, contraer a enfermidade relaciónase cunha percepción máis baixa da resposta, especialmente nos campos da comunicación, información, preparación á pandemia e protección de grupos vulnerables.

O xénero e o nivel de formación tamén inflúen na percepción da resposta, mentres que a idade non mostra variables significativas.

Os homes valoran peor que as mulleres a resposta das administracións no campo da información, comunicación e o equipo de preparación para a pandemia, mentres que na área de saúde mental son elas as que mostran unha peor percepción.

As persoas con estudos superiores teñen unha percepción máis baixa que as persoas cun nivel de formación menor sobre as políticas comunicativas empregadas polas administracións.

“Por todo iso, ante un escenario de ameazas á saúde pública como a pandemia da covid-19, é importante fomentar a confianza do público e desenvolver e implementar intervencións máis personalizadas”, explicou Lazarus, quen cre que “deste xeito, se podería mellorar a baixa percepción pública da resposta das administracións”, para o cal aportan unha serie de recomendacións.

As conclusións chegaron logo de avaliar a percepción dos enquisados sobre dez medidas gobernamentais clave de control da pandemia que debían valorar nunha escala: 1) O goberno axudoume a min e á miña familia a satisfacer as nosas necesidades diarias durante a epidemia de covid-19 en termos de ingresos, comida e vivenda; 2) O goberno comunicouse claramente para garantir que todos tivesen a información que precisaban para protexerse a si mesmos e aos demais da covid-19, independentemente do nivel socioeconómico, a condición de migrante, a etnia ou o idioma; 3) Confiaba nos informes do Goberno sobre a propagación da epidemia e nas estatísticas sobre o número de casos e mortes de covid-19; 4) O Goberno tiña un equipo ben preparado para a pandemia que incluía expertos en saúde pública e médicos para xestionar a resposta nacional á covid-19; 5) O Goberno proporcionou a todos o acceso a probas covid-19 gratuítas e fiables se presentaban síntomas; 6) O Goberno asegurouse de ter sempre acceso completo aos servizos sanitarios que necesitabamos durante a epidemia; 7) O Goberno proporcionou protección especial a grupos vulnerables con maior risco como anciáns, pobres, migrantes, prisioneiros e sen teito; 8) O Goberno asegurouse de que os traballadores sanitarios tivesen os EPI que necesitaban para protexelos da covid-19 en todo momento; 9) O Goberno proporcionou servizos de saúde mental para axudar ás persoas que padecen soidade, depresión e ansiedade causadas pola pandemia; 10) O Goberno cooperou con outros países e socios internacionais como a Organización Mundial da Saúde para loitar contra a pandemia COVID-19.

APOIO SOCIOECONÓMICO

Sobre as cuestión relativas ao apoio socioeconómico que prestou o Goberno de España aos cidadáns, os investigadores salientan que “algúns grupos sociais se viron afectados desproporcionadamente pola pandemia; por exemplo as desigualdades de xénero no traballo remunerado e non remunerado agraváronse durante o período de confinamento, e a taxa de infección por covid-19 foi moito maior nos barrios con poucos recursos nalgunhas cidades”.

Para mitigar a gravidade do impactos económico, recordan que o Goberno central introduciu varias medidas de apoio socioeconómico. “Porén, descubrimos que os afectados por covid-19 mostran un 40 por cento menos de probabilidades de estar de acordo cos esforzos do Goberno para protexer as poboacións vulnerables que as que non”. Isto, din, “pode indicar que as accións de resposta do Goberno foron consideradas insuficientes, implementadas moi lentamente ou simplemente non moi coñecidas por aqueles que se viron afectados directamente pola enfermidade”.

SERVIZOS SANITARIOS

Sobre os apartados relacionados cos servizos sanitarios, recordan que para garantir a súa estabilidade e funcionamiento durante as crises de saúde pública, “é esencial que os servizos de atención primaria continúen operativos e que todos os profesionais sanitarios de primeira liña dispoñan do equipamento de protección individual (EPI) que precisan”, xa que “os servizos de atención primaria poden desempeñar un papel importante en proporcionar atención habitual, facer tests e identificar e tratar novos casos, rastrexo de contactos e xestión potencial dos que pasaron a enfermidade”. Con todo, lamentan, “a prestación de servizos de tests e diagnósticos a nivel de atención primaria foi limitada en España e en toda Europa durante a primeira onda da pandemia”.

O sistema de saúde, como lembran, experimentou unha presión extrema. “Por exemplo, un estudo realizado en abril de 2020 en España atopou o 42% das camas hospitalarias e o 41% das camas de gastroenteroloxía e hepatoloxía asignáronse a pacientes con covid-19 e as reducións en endoscopias terapéuticas ou cirurxía de carcinoma hepatocelular foron do 75% e 89%, respectivamente, evidenciando as debilidades para equilibrar a continuidade dos servizos sanitarios esenciais”, explican.

En canto á adecuación e prestación dos servizos de saúde mental durante a pandemia, descubriron que os homes teñen máis probabilidades de ter unha percepción positiva que as mulleres. Algúns estudos citados nesta investigación, realizados en España durante o mesmo período, descubriron que as mulleres reportaban con máis frecuencia síntomas de ansiedade, estrés e depresión que os homes, e que estes estaban asociados principalmente a preocupacións económicas. “Por iso, é importante que a dispoñibilidade de servizos de saúde mental se incremente, se comunique mellor e se adapte mellor ás necesidades das mulleres”, aportan os autores desta investigación.

COMUNICACIÓN

Sobre a comunicación como “clave para facilitar a conciencia pública e o cumprimento das medidas de control de enfermidades”, consideran que o Goberno español “necesita adoptar un enfoque de comunicación bidireccional para enviar mensaxes claras adaptadas a diferentes grupos sociais a través de varios medios de comunicación para que todos no país reciban a información correcta” e “garantir a súa eficacia”, ademais de “avaliar o impacto e o alcance da mensaxería dirixida”.

CONTROL DA ENFERMIDADE

Neste apartado, ven “crucial” que os responsables de tomar de decisións e os cidadáns teñan acceso a sistemas de recollida de datos sobre a covid-19 actualizados, fiables, desagregados e completos. E critican que os datos ofrecidos por autonomías “non sempre son comparables”.

Para os investigadores, non se explicaron ben algunhas medidas adoptadas para controlar a enfermidade, “reducindo a capacidade de comprender completamente a dinámica do virus”. Ademais, sinalan que “España non contou con expertos en aerosois que asesorasen o Goberno e non foi ata o 8 de novembro de 2020 cando o Executivo aceptou este modo de transmisión do virus”, algo que “pode dificultar a confianza do público e xerar confusión con respecto á transmisión da enfermidade e as medidas de control relacionadas”, apuntan.

Das estratexias adoptadas, salientan que a cooperación internacional, “vital para controlar a propagación e mitigar o impacto da pandemia”, foi, no seu estudo, “a mellor percibida das dez medidas de control da pandemia”. Pero consideran que para mellorar a xestión é “necesario o acceso universal ás probas covid-19 e ao rastrexo de contactos para identificar e illar rapidamente novos casos e mellorar a precisión dos datos”.

Tamén cren necesario “intensificar a secuenciación xenómica” do coronavirus para identificar e controlar as súas variantes e a súa posible resistencia ás vacinas actuais.

Critican, por outra parte, que en España se levantaron as restricións e medidas de control “sen un plan amplo ou sistemas de rastrexo e probas ben establecidos”.

RECOMENDACIÓNS

Finalmente, os expertos enumeran unha serie de recomendacións políticas para o Goberno central e os autonómicos.

As primeiras están enfocadas ao apoio socioeconómico, e concretamente, a garantir especialmente a cobertura da poboación máis vulnerable, para “facilitar unha recuperación inclusiva e sostible”, para o cal, e ante a evidencia de que esas medidas “non se implementaron coa axilidade necesaria”, é “importante revisar e abordar as barreiras administrativas” para acceder ás axudas.

Tamén solicitan “asegurar un enfoque estatal coordinado para garantir que os migrantes e refuxiados documentados e indocumentados poidan acceder aos servizos sociais e de saúde que precisan”, “proporcionar infraestrutura e condicións para o teletraballo” e “manter e ampliar os espazos públicos para a saúde e o benestar”.

Sobre os servizos sanitarios, piden “fortalecer a capacidade” do sistema público e, particularmente, da atención primaria, “ampliar a prestación de servizos de saúde mental”, “fortalecer os sistemas de información e a coordinación e comunicación entre servizos sanitarios e sociais” e “realizar avaliacións periódicas de prestación de servizos para controlar e superar as barreiras en curso para acceder á atención”.

No plano da comunicación, recomendan “garantir unha cooperación e comunicación eficaces entre Goberno, medios de comunicación, científicos, expertos en saúde e o público, para garantir unha comunicación de calidade, o que tamén pode mellorar a percepción pública da capacidade das autoridades para xestionar as ameazas actuais e futuras para a saúde”. Tamén aconsellan “fortalecer a comunicación científica nos medios de comunicación”, proporcionando aos xornalistas acceso a recursos científicos, como datos precisos e actualizados. E consideran importante comunicarse cos cidadáns a través das redes sociais, con “mensaxes claras” e “consistentes”.

Sobre o control da pandemia, ven oportuno establecer unha “axencia nacional de saúde pública” e insisten na necesidade de ofrecer datos desagregados sobre a covid-19, “como mínimo, por sexo, idade e territorio, para controlar mellor os impactos da pandemia en diferentes grupos sociais en diferentes áreas xeográficas e as desigualdades en materia de saúde”. Nisto inclúen a publicación de informes periódicos que sexan coherentes e homoxéneos entre autonomías.

Outras medidas que habería que aplicar son, na súa opinión, “garantir o acceso universal aos EPI e a atención aos traballadores sanitarios”, “fortalecer a capacidade de rastrexo” e “proporcionar tests tamén fóra dos servizos de saúde”, “proporcionar resultados de PCR de maneira máis áxil”, “fortalecer a asistencia sanitaria integrada, coordinando a atención primaria e especializada, e optimizando a telemedicina”, “garantir a produción suficiente e a tempo de vacinas” e, finalmente, crear o que chaman “zonas verdes” en España, “a nivel provincial ou autonómico, nas que se controlou a covid-19, e asegurarse de que existen os recursos necesarios para atender “zonas vermellas” nas que a enfermidade teña unha alta incidencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta