Unha arquitecta galega en Nova York: "Son itinerante pero Galicia sempre vai comigo dentro"

A de Beatriz de Uña é a historia dunha rapaza compostelá de 30 anos que leva na súa mochila uns 50 países visitados. Agora traballa na cidade máis poboada dos Estados Unidos como arquitecta, unha disciplina "sen fronteiras" para unha vida "sen fronteiras".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Poder contar a miña historia e que quizais sirva de inspiración para outras persoas é un privilexio". Así comeza o relato de Beatriz de Uña, unha rapaza galega de só 30 anos que vive e traballa en Nueva York como arquitecta logo de percorrer uns 50 países, con estancias máis prolongadas en Australia e Suecia. Desde cativa sempre foi, di, un "cu inquedo". O seu tío, que emigrou a Alemaña e deu a volta ao mundo, converteuse para ela nun referente a seguir. "Cando regresaba sempre me traía moedas de todos os países que visitaba"; e a través daquelas pequenas pezas de metal que por tantos petos pasarían, Beatriz imaxinaba outras posibles vidas dende a súa casa natal, en Santiago de Compostela. Agora, da man da arquitectura, é ela mesma quen pode falar delas en primeira persoa. 

Beatriz de Uña nunha rúa de Nueva York
Beatriz de Uña nunha rúa de Nueva York | Fonte: remitida

A "falta de oportunidades" en Galicia e no Estado, xunto con esa ansia de coñecer novos lugares, levárona a emprender este camiño no que Galicia segue sendo áncora. "Unha vez que abres a primeira porta" - conta desde a cidade estadounidente, a seis horas de diferenza -, "segues abrindo porta tras porta; o interese en saber que hai mas alá é o que me move". Todo encaixa dentro dun círculo que se retroalimenta: a súa profesión como arquitecta dálle as oportunidades de viaxar, e o propio feito de viaxar é o que inspira a súa vida e os seus proxectos arquitectónicos. Se ben na súa casa sempre quixeron que estudase matemáticas, o seu era a creatividade; e precisamente a idea de facer carreira no ámbito da arquitectura collía forma como o punto de encontro de todo aquilo que lle gustaba na vida. "Estar interesada no mundo que te rodea é o máis importante nesta profesión, por iso se adapta á miña personalidade".

"ITINERANTE PERMANENTE"

A súa primeira parada, xa con 18 anos, estivo en Barcelona, "a cidade e a escola onde comecei a miña aventura", explica. Pouco despois, e a través do programa Erasmus, Beatriz foi dar a Suecia, e máis adiante, a Australia. Ela mesma se encarga do resumo final sobre o que lle aportou cada lugar: "En Sidney aprendín economía e viabilidade, en Estocolmo deseño e funcionalidade; e en Barcelona técnica e estrutura. O coctel final penso que é bastante bo!", ri. Dende esa experiencia Erasmus, Beatriz fíxose "itinerante permantente". E de feito, recoméndaa con entusiasmo a todas as persoas que teñan a oportunidade de vivila. "Eu teño amigos e compañeiros de toda Europa e agora mesmo traballo cun grupo de cinco arquitectos onde cada un somos dun recuncho diferente", relata a Galicia Confidencial. Por diante ten pendente, di, coñecer Sudamérica; mais sexa por onde for, o seu lugar de orixe sempre viaxa canda ela. "Galicia vai comigo dentro".

Agora mesmo, ademais de terse embarcado nesa cooperativa de arquitectos, está instalada laboralmente nunha pequena oficina en Brooklyn, dende a que xestiona e dirixe proxectos e pode volver realidade aquilo que debuxa sobre o papel. Renovacións de apartamentos en Upper West Side, Manhattan, e mesmo a construción dunha casa para un director de cine están baixo a súa supervisión, conta Beatriz, que tamén mira con ollos críticos a profesión da arquitectura: falta diversidade social, racial e de xénero. "Posiblemente o 80% dos arquitectos rexistrados hoxe en día son homes; e tamén hai máis homes ca mulleres en situación de poder, dispostos a mandar e a ter o seu propio negocio, pola contra, hai máis mulleres ca homes que simplemente se converten en empregadas. Quero ser positiva e pensar que veremos esta situación cada vez menos", desexa. A súa andaina profesional, polo menos, xa da pé á esperanza.

ARQUITECTURA PARA O FUTURO

De Uña vive a arquitectura como unha disciplina "sen fronteiras" e está convencida de que "hai moito camiño por percorrer para establecer un novo xeito de percibir o que hoxe é a profesión, non ligada a ningún lugar específico". Coa experiencia de diferentes países ás costas e logo dunha pandemia que mudou perspectivas e xeitos de vida, Beatriz xa percibe cambios na forma en que habitamos os espazos. Facérmonos máis conscientes do noso entorno, sobre todo na época do confinamento, mudou as demandas da poboación xeral á arquitectura, tanto no espazo público coma no privado. 

No público, analiza Beatriz, as beirarrúas da cidade estadounidense tenden a ampliarse para deixar maior espazo ás terrazas e mesmo están xurdindo edificacións temporais "moi curiosas" para poder xantar fóra. Porén, os cambios máis significativos teñen que ver coas dinámicas de desprazamento: "Menos espazo para os coches e máis para os peóns. Agora faise máis vida fóra dos edificios e as rúas dedícanse á xente, que tamén cambiou o metro por medios de transporte alternativos como a bicicleta. Son melloras enormes", relata. "Cando volten os turistas, atoparanse cunha cidade moi diferente á de antes neste sentido".

Nos espazos máis íntimos, as prioridades tamén mudaron. Segundo De Uña, "os clientes xa están a pedir oficinas no fogar en lugar de dormitorios máis grandes. Por poñer outro exemplo" -engade a arquitecta-, "na casa na que estou traballando debuxamos un pequeno lavabo moi cuco á entrada; porque agora é rutina, chegas á casa e lavas as mans". A arquitectura, xa que logo, vaise moldeando ás necesidades do mundo presente e do que está por vir. "O futuro chegou máis rápido do que podiamos predicir. Non queremos traballar nunha sala de estar ou nunha cociña, e si queremos privacidade, algo difícil na tipoloxía de apartamentos que se fixeron nos últimos 20 anos. Quero pensar que a pandemia é unha nova oportunidade para a vivenda colectiva", analiza. 

Entregada á profesión, Beatriz aínda non ten claro onde asentará, se é que asenta. "O soño é poder construír algo en Galicia, mais ter traballado con xente de tantos países faite consciente de que o teu medio natural non é ningún lugar necesariamente, senón que está onde saia a oportunidade". Viaxeira do mundo, protagonista dunha historia "sen fronteiras", De Uña está acostumada a "refacer a vida cada certo tempo". Se ben lonxe da casa todo se volve "máis difícil", no caso de Beatriz, o arranque e as ansias de coñecer mundo poden coas pedras que atopa nos camiños. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta