Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 14:25
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, falou este venres da entrada en vigor do novo regulamento de circulación, que limita a velocidade en áreas urbanas e que, segundo dixo, "vén consolidar uns cambios" xa iniciados en Compostela, e que se prevé "ampliar".
Un deles, apuntou, son as áreas limitadas a 20km/h, que se iniciaron no campus e que está previsto que se estendan a outras áreas, como as contornas dos colexios. Tampouco se descarta instauralos no Ensanche.
Así mesmo, referiuse a "certa polémica" existente coa limitación a 10km/h dunha parte da remodelación do Hórreo, algo que considera que non ten "ningunha dificultade". Neste sentido, lembrou que na cidade histórica ou na zona de San Clemente xa se aplica esta limitación "sen ningún tipo de problema".
Paralelamente, tamén volveu defender o radar do túnel de Conxo e apuntou que é "incuestionable" que nesa zona existe unha limitación a 50 quilómetros por hora. "E a gran maioría dos condutores son conscientes desta situación, o habitual é que os coches vaian a esa velocidade", dixo o rexedor.
A intención de todas estas medidas, narrou, é "mellorar a seguridade viaria en Santiago" e "continuar reducindo o número de accidentes", especialmente os atropelos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.