A obra que aínda non se entende de Xela Arias... cando a poetisa se espiu para facer poesía

'Tigres coma cabalos' é máis que un poemario. É toda unha declaración de intencións dunha poeta que ía máis alá da escrita para reivindicar, a través de corpos nús e poesía, a radicalidade, diversidade e sensibilidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Xela Arias publicou a súa primeira obra en 1986, 'Denuncia do equilibrio', da man de Edicións Xerais de Galicia, agora reeditada e con prologo de Olga Novo, autora recoñecida co 'Premio Nacional de Poesía' do 2020.

"Xa se ve a poeta que ela vai ser. Ese título denuncia precisamente a falta de equilibro social, profundo, e esa procura esencial da independencia persoal", apuntou Novo en declaracións a EP, sobre esta obra que está "asentada en principios moi básicos da súa personalidade" e nos que "vai insistir en obras seguintes" ata 'Intempériome', para moitos o seu poemario máis traballado.

Espidos no libro 'Tigres como cabalos' de Xela Arias
Espidos no libro 'Tigres como cabalos' de Xela Arias

Pero houbo que agardar uns anos máis, ata comezos dos 90, para coñecer a súa segunda obra, 'Tigres coma cabalos', un poemario "pioneiro" e un exemplo da vocación da autora por romper as barreiras da linguaxe e na que os seus poemas dialogan cunha serie de fotografías de espidos realizadas pola súa exparella, Xulio Gil.

"Mostran corpos espidos, o dela e doutros, e a recepción non acompañou realmente ao sentido que ela quería daquela obra. O da beleza, da liberdade dos corpos que se achegan, aproxímanse e ámanse. Un canto á liberdade", destacou Olga Novo, animando a reler e recuperar unha obra que permite "celebrar esa diversidade", sen tabús.

POUCO ENTENDIDA

Esta obra rachadora pasou sen pena nin gloria, a pesar da importancia e do significado que a propia autora quería transmitir con ela. De feito foi mesmo criticada no seu tempo. Xela Arias utilizaba fotos de corpos espidos, mesmo o seu propio, para reivindicar a radicalidade, sensibilidade e diversidade do corpo humano na súa máxima espresión. Pouca xente a entendeu entón, como tampouco agora, 30 anos despois.

Xela Arias retratada no poemario 'Tigres como cabalos'
Xela Arias retratada no poemario 'Tigres como cabalos'

E o certo é que chama a atención que na Galicia do ano 21 aínda haxa no mundo da crítica e das institucións quen tente pasar por alto unha obra revolucionaria e visionaria coa que quería naturalizar a relación que homes e mulleres temos co noso propio corpo e, sobre todo, facer deles, poesía viva. Eses espidos seguen estando medio ocultos, como o foron entón, por ese medo atávico e católico a falar sen pudor dos corpos nús. Pola contra, estes días destacase outra fantástica obra, Darío a Diario, que Xela Arias adicou ao se fillo, na que todos ven a "feminidade e maternidade" da poeta.

Foi precisamente esta mestizaxe de formatos e linguaxes o que a sitúa como unha avanzada ao seu tempo."Foi unha precursora na fusión da poesía con outras disciplinas creativas e aventurouse a baixar a poesía da cadeira de brazos do lector, adiantando o que caracterizaría a ética e a estética dos 90 á nosa xeración, buscando a conexión co lector e levala a pé de rúa", engade a poeta Yolanda Castaño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Do mesmo xeito que non se entendeu (aínda hoxe pasados 10 anos!) os eslogans do 15M nin se comprende como para poder bañarte espido no mar tes que facer 20 kms de ida e outros tantos de volta a Vigo (en lugar de declarar O Vao praia nudista!) / Gracias a Xela Arias igual alguén acaba decobrindo o seu embigo ! http://gamela00.blogspot.com/2018/0...