O encoro "sumidoiro" de Coren: "Portugal non deixa que estas augas pasen pola súa terra"

Ecoloxistas en Acción denuncia que a empresa leva máis dunha década verquendo xurros nun encoro ante o "silencio" da administración. "A Xunta segue concedendo autorizacións para máis macrogranxas", aseguran.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Novo episodio na longa historia de contaminación na Limia. Este 2021 cúmprense dez anos da saída á superficie da profunda contaminación do encoro das Conchas, atacado por unha proliferación de bacterias que fan imposible o seu emprego ou consumo. Detrás das sospeitas ecoloxistas estaría, unha vez máis, a integradora COREN, que xa este pasado inverno foi acusada de botar xurro nas concas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ante a total pasividade da administración.

Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias
Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A problemática, lonxe de quedar neses meses, continuaría ata o momento. E é que, segundo destacan Ecoloxistas en Acción, o encoro das Conchas “continua sendo o sumidoiro da actividade gandeira das macrogranxas ubicadas na comarca da Limia”, das cales a maioría pertencerían á COREN”, segundo apuntan. Os cruces de acusacións coa compañía ourensá quedaron tamén plasmados nos testemuños, recollidos por Galicia Confidencial, de “acoso xudicial” por parte da empresa contra aqueles que se atreveran a denunciar as presuntas prácticas contaminantes.

O problema do encoro das Conchas, así como das masas de auga ao seu redor dispostas, estaría na pasividade que Ecoloxistas denuncia na administración. Segundo apuntan, as fortes mobilizacións do ano 2011 non serviron máis que para que os entes públicos fixeran “oídos xordos ás reclamacións da veciñanza e dos colectivos ecoloxistas e asistindo imprudentes e neglixentes ao avance do desastre”.

“Ao longo destes 10 anos”, apuntan, “as veciñas e veciños das comarcas da Limia e da Baixa Limia organizáronse creando a plataforma Auga Limpa XA”. Eríxense entón como demandantes dunha “lexítima petición”: “ter acceso ás augas limpas da comarca, cuxos pozos particulares amosan altos índices de contaminación habendo aldeas como Sandiás, Vilar de Barrio ou Trasmirás sen acceso á auga potable”.

UNHA RIQUEZA QUE "APODRECE"

A demanda de ecoloxistas e veciños chega co obxectivo de recuperar as oportunidades que tempo atrás achegaba o encoro das Conchas, cuxas augas “foron algo máis que a cloaca da Baixa Limia”. “No seu día obtiveron recoñecementos polo alto valor ecolóxico da zona, avistaron xeracións de nenos e nenas aprendendo a nadar e acolleron turismo internacional”, explican..

Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia
Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia | Fonte: MEL

Agora a situación sería ben distinta: “hai tempo que o veciño Portugal non permite que as augas eutrofizadas das Conchas baixen pola canle de Lindoso abaixo”, apuntan, para evitar que atravesen o Parque Natural do Xurés-Gêres. “A riqueza da Baixa Limia está apodrecendo”, remachan antes de denunciar “a falta de resultados” dos plans postos en marcha polas administracións.

Por iso o golpe final de Ecoloxistas en Acción vai para os entes públicos, aos que responsabiliza da depreciación da Limia. “Malia o recoñecemento do grave problema de contaminación e a súa procedencia a Xunta de Galicia continúa concedendo, sen planificación algunha, autorizacións para a instalación de máis macrogranxas industriais gandeiras ou para ampliar as existentes na comarca da Limia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta