Novas presións sobre a Xunta para protexer canto antes os bens de Meirás

A Federación Galiza Cultura lanza un chamamento á administración autonómica para que evite o baleiramento do Pazo por parte dos herdeiros de Franco.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Novas presións á Xunta de Galicia para manobrar a prol da conservación do mobiliario de Meirás. Despois do lanzamento dunha campaña cidadá para que a administración autonómica reaccionara de cara a impedir aos Franco a retirada deste patrimonio cultural, a Federación Galiza Cultura vén de demandarlle á Xunta de Galiza que “cumpra as directrices da UNESCO e os acordos do Parlamento de Galiza” a respecto do mesmo mobiliario.

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

A Federación ve un “evidente deterioro e abandono” na xestión da Xunta con respecto ao patrimonio cultural galego, ao que agora se sumaría  a “laxa intervención” desta no referido á devolución por parte dos herdeiros de Francisco Franco das Torres de Meirás e de “todo canto esta propiedade do pobo galego leva incorporado”.

Por esa razón, Galiza Cultura demanda da Xunta de Galiza que cumpra “con presteza” as directrices da UNESCO, o acordo parlamentario ao cal chegaron por unanimidade todos os partidos políticos que integran o Parlamento de Galicia e tamén “os requirimentos do pobo galego” para lanzarse xa á loita pola conservación destes bens.

Así é que demandan da administración que “active con rapidez todos e cada un dos resortes, mecanismos, recursos, etc. necesarios para conseguir que a familia Franco non se apropie das esculturas da autoría do Mestre Mateo”, unha conservación que se estendería a “calquera outro tipo de pezas que se encontren nos terreos ou no interior das Torres de Meirás e das súas edificacións anexas ou adxectivas”. De xeito paralelo, esíxenlle que “informe a cidadanía con dilixencia e claridade de como se desenvolven as accións que realiza para lograr o obxectivo sinalado nos dous puntos anteriores”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta