ENCE lanza un plan de "transparencia" nun dos momentos máis delicados da súa historia

O 'Proxecto cristal' pretende botar luz sobre o funcionamento da empresa logo que a alerta do director sobre un posible "susto ambiental" sementara as sospeitas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A nova saltou a finais do pasado mes de febreiro. Tratábase dun vídeo pensado para difusión interna no que o presidente de ENCE, Ignacio de Colmenares, alertaba que a pasteira situada na Ría de Pontevedra podía dar “un susto ambiental maiúsculo en calquera momento”. A nova, publicada por Galicia Confidencial, logo prendeu a mecha dunha empresa cada vez máis cuestionada e que atravesa un dos momentos máis angostos da súa historia en Galicia.

Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra
Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Os tempos son malos para a pasteira afincada en Pontevedra. Co futuro da concesión da Ría pendente de decisión dos xulgados, os traballadores de ENCE ollan cara un futuro incerto ante o cal o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pretende erixirse como salvador. Así que foi que, semanas atrás, o líder ‘popular’ lanzou unha promesa de futuro para ENCE: asegurou que Galicia precisaba non unha, senón dúas pasteiras, e avogou por rescatar a compañía no caso de que as cousas foran a peor.

Nestas circunstancias, e atravesando quizais o máis duro trago da súa traxectoria, ENCE vén de anunciar o lanzamento dun proxecto para “reforzar a transparencia” da compañía co sector forestal a través da dixitalización. O plan recibe o nome de “Proxecto cristal” e, segundo destacan, fará fincapé no desenvolvemento de “ferramentas dixitais para ofrecer aos seus colaboradores toda a información de interese”.

É dicir, que se trata dunha acometida en prol da transparencia pero non tanto co público en xeral senón cos seus provedores de madeira e biomasa; “é dicir, o sector forestal no seu conxunto”. Ao parecer, a pasteira avoga agora por comezar a ofrecer “acceso á documentación relativa á súa venda de madeira, contratos, pedidos, permisos de curta necesarios por parcela, estado dos mesmos” e unha longa listaxe de cuestións que pretenden botar luz sobre a cadea de produción da pasteira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta