Un xulgado da Coruña recoñece o dereito dun home xubilado a recibir o complemento por maternidade na súa pensión

Falla que se debe protexer "a perda de oportunidades laborais ou inferior cotización" polo coidado de fillos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 18/05/2021 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número 4 da Coruña estimou a demanda promovida por un xubilado fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social para que se lle recoñeza o complemento por maternidade.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta.

Neste caso, o xuíz considera que debe ser do 5% sobre a contía inicial da pensión de xubilación contributiva, con efectos económicos desde o 3 de decembro de 2020, momento no que lle foi recoñecida a prestación de xubilación. Contra este fallo, con data do 12 de maio de 2021, cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Na resolución, o xuíz ten en conta os criterios xurisprudenciais da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 12 de decembro de 2019 (C-450/18), que establece que teñen dereito a percibir este plus os beneficiarios das pensións de xubilación, invalidez ou viuvez con dous fillos ou máis declaradas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o 4 de febreiro de 2021.

"A actual configuración do complemento por maternidade pretende compensar as desvantaxes laborais derivadas da maternidade (coidados e educación dos fillos/as)", indica o xuíz.

Así, resalta que o concepto "transcende da maternidade biolóxica e vincúlase á práctica dos coidados proxectados sobre os menores descendentes", pois se trata de protexer "a perda de oportunidades laborais ou inferior cotización que leva irremediablemente o tempo dedicado ao coidado de fillos e fillas, pois tal traballo carece de recoñecemento social ou contributivo ao sistema da Seguridade Social".

No fallo, sostén que esta bonificación "está a dar un trato desigual, por razón de sexo, ante situacións comparables", pois os homes "acaban padecendo esas mesmas desvantaxes e perda de oportunidades laborais que as mulleres".

Ademais, conclúe que o complemento de maternidade "incorre en discriminación directa por razón de sexo, ao excluír os pais homes pensionistas (xubilación, invalidez e viuvez contributivas) que poidan estar nunha situación comparable á das nais traballadoras".

En consecuencia, a demanda foi estimada, xa que o xuíz entende que a decisión adoptada polo Instituto Nacional da Seguridade Social "vulnera o dereito á igualdade e non discriminación por razón de sexo do recorrente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta